venres 18/09/20
Política

Caballero advirte: "O cheque que lle demos a Feixoo para abordar a crise non é para que non dea contas"

O líder das socialistas galegas reclama que o presidente da Xunta compareza no Parlamento para dar conta da situación do país pola crise do coronavirus e salienta que Feixoo coñecía a situación nas residencias de maiores a través do informe do Consello de Contas. 
Gonzalo Caballero no Parlamento da Galiza (Europa Press)
Gonzalo Caballero no Parlamento da Galiza (Europa Press)

"Estamos nunha situación atípica na que a Cámara está disolta e na que acordamos aprazar as eleccións para centrar os esforzos na loita contra a COVID-19", lembrou esta quinta feira o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, para advertir que "o cheque que lle demos a Feixoo para abordar a crise non é para que non dea contas".

Caballero reclama que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, compareza no Parlamento para avaliar a evolución do coronavirus na Galiza, "posto que no último mes unicamente acudiu á Cámara nunha ocasión a pesares da gravidade da crise".

"Feixoo ten que comparecer canto menos cada 15 días", sostivo o líder socialista, pois así sería se o Parlamento estivese en plenitude de funcionamento. "Pedro Sánchez compareceu no Congreso en tres ocasións e Feixoo soamente unha. E coa Cámara disolta, Feixoo tería que ser aínda máis coidadoso", argumentou.

"Ten que escoitar a visión da cidadanía a través dos seus representantes políticos”, abundou Caballero, quen incidiu na "lealdade" amosada durante a crise polos grupos da oposición na Galiza fronte ao "trato que recibe Pedro Sánchez da oposición do PP e Vox".

Falecementos en residencias

En paralelo, Gonzalo Caballero urxiu á Xunta a que clarifique o número de falecementos en residencias de maiores, tendo en conta as persoas que perderon a vida sen que ter confirmado o contaxio da COVID-19.

Sen querer "crear alarmismo", o líder do PSdeG sinalou que "somos a voz das familias que non están sendo atendidas pola Xunta de maneira axeitada" e que, en moitas ocasións, se senten "abandonadas" polo Goberno galego.

"A Xunta ten que intervir onde hai una situación grave", remarcou o socialista, para sinalar que a Xunta "non pode dar as costas" ao que ocorre, por exemplo, na residencia de Domus Vi no barrio compostelán de San Lázaro, a que rexistra o maior número de falecementos até o día de hoxe.

Irregularidades detectadas polo Consello de Contas

Ao fío disto, Caballero reprobou que Feixoo afirmase na súa comparecencia descoñecer o informe do Consello de Contas que sinala irregularidades en varios deses centros, e que foi tratado en varias ocasións no Parlamento.

Ese documento, recordou o secretario xeral do PSdeG, sinala que "a pesar de que as residencias non corrixiron as irregularidades observadas, a Inspección non propuxo a iniciación de expedientes sancionadores".

"O presidente é coñecedor dese informe e, por respecto aos maiores a ás súas familias, non pode esconderse e non dar contas do que está ocorrendo nas residencias", subliñou.

comentarios