Un Goberno "irresponsábel" coas residencias

O Goberno galego era coñecedor desde hai, polo menos, tres anos da falla de persoal nas residencias privadas de maiores. Fora advertido polo Consello de Contas co seu informe de 2017, tal e como avanzou Nós Diario. Para a oposición é "moi grave" que o Executivo tivese esa información e que, a día de hoxe, se mantivesen as irregularidades nas residencias. Algo que, advirten, clarifica a aposta de Alberto Núñez Feixoo por un sistema privado rexido polo beneficio económico onde se consenten as multas en lugar de cumprir as normas porque sae "máis barato". 
 
Unha traballadora acompaña a unha residente ao centro medicalizado de Porta do Camiño, en Compostela (Imaxe: Arxina).
photo_camera A residencia de DomusVI de San Lázaro, Santiago, unha das máis afectadas.

Adiantábao Nós Diario no seu soporte dixital a pasada sexta feira: o Consello de Contas da Galiza advertira á Xunta no seu informe de 2017 sobre residencias de maiores da falla de persoal en múltiples centros privados e concertados, sen que se cumprise coa rateo de traballadoras e traballadores que marca a normativa en varias instalacións.

A existencia deste informe indica que a Xunta era coñecedora, cando menos desde 2017, da escaseza de persoal sanitario, asistencial e de servizos na rede residencial privada. O informe recolle ademais as principais incidencias detectadas pola Inspección de Servizos nos centros propios da Xunta ou nos externos nos anos anteriores, citando a revisión das 65 actas de inspección expedidas entre 2014 e 2015. 

En concreto, o documento de Contas deixaba claro que en centros de DomusVI e da Fundación San Rosendo, as corporacións máis importantes do sector, a cifra de traballadoras “non coincide en número de efectivos co cadro de persoal ofertado para a contratación, apreciándose valores inferiores”. En múltiples actas de inspección constan incumprimentos sobre o cadro de persoal ofertado, incidencias relativas a instalacións e equipamentos, e  “falta de rigorosidade en diversos rexistros”. 

O informe de Contas tamén alertaba, tal e como informou Nós Diario, de que en varios destes centros privados, nas prescricións técnicas dos contratos, prevíronse "servizos para os que non consta a existencia de persoal adecuado no cadro de persoal dos centros”.

A documentación oficial en varias residencias non diferenciaba as categorías dentro do corpo de coidador e "non contiña información sobre as titulacións do persoal que presta estes servizos". Esa “incidencia” sinalábase como "común nas xestionadas pola Fundación San Rosendo”, entre as que se atopan Nosa Señora da Esperanza, que está a ser un dos principais focos de coronavirus. 

A Xunta reivindica ter aumentado as inspeccións

Desde a Consellaría de Política Social sinalouse onte a Nós Diario que "a Xunta, a través da Inspección de servizos sociais, verifica que se cumpran en todas as residencias, tanto públicas como privadas, os rateos de persoal que exixe a normativa" e apuntaron  que "cando a Inspección constata unha deficiencia nun centro, primeiro requírese a súa subsanación e despois valórase a apertura dun procedemento sancionador, en caso de ser necesario".

Porén, o informe de 2017 sinalaba que a pesar de que "os centros non corrixiron as irregularidades observadas, a Inspección non propuxo a iniciación de expedientes sancionadores”.

Desde a Xunta recalcan que no pasado ano realizáronse "20% máis de inspeccións" das previstas. "Neste 2020, no eido das persoas maiores e con discapacidade, o obxectivo previsto é de 550 inspeccións, 40% máis marcado para o 2019".

Pontón acusa a Xunta de "mirar para outro lado"

"É certo e moi grave" que a Xunta coñecese desde hai anos a existencia de deficiencias en moitas residencias privadas do país, considerou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao ser preguntada onte por Nós Diario sobre o informe de 2017.

En relación a este documento, Pontón criticou que o Goberno galego “mirase para outro lado” ante as eivas que nel se sinalaban, e engadiu que “desa irresponsabilidade veñen boa parte das consecuencias que estamos a ver neste momento nas residencias privadas, cun alto número de contaxios por coronavirus, o que implica que houbo deixadez por parte das empresas e da Xunta á hora de verificar que os centros privados funcionasen conforme os requirimentos fixados”. 

Nese sentido, Pontón afirmou que “a falta de anticipación e a improvisación na actuación da Xunta levaron a converter as residencias nun foco de contaxio cun resultado dramático”, lamentou.

Para Pontón é esencial "que a Xunta interveña todas as residencias privadas, garanta material de protección a todas as traballadoras, axilice os tests e realice un control áxil e estrito".

Caballero critica a conivencia coa privada 

Sobre o informe de Contas tamén se pronunciou onte o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Recordou o líder do Partido Socialista que desde a chegada de Feixoo desenvolveuse "un modelo residencial baseado no sistema privado”, cuxas carencias xa foron advertidas polo propio Consello de Contas, ao sinalar no seu informe “os problemas detectados en materia de vixilancia e de inspección” en centros privados.

“Ese tipo de problemas implicaba que houbese multas e, ás veces, as empresas preferiron aboalas antes que corrixir os defectos, o que permitiu manter un sistema de conivencia con determinados defectos no ámbito residencial”, lamentou Caballero.

O líder do PSdeG instou a Xunta "a intervir todas as residencias onde haxa problemas e onde non se garanta a saúde das persoas usuarias", e pediulle que actúe "de forma clara, contratando persoal, tomando medidas de protección" e facilitando tests.

Reino denuncia que a Xunta "non fixo nada" 

Para o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, o informe de Contas de 2017 xa sinalaba que a raíz dos problemas que hoxe se están a ver nas residencias de maiores están no modelo privado. 

 Reino valorou que o informe "indicaba numerosas faltas en material, en medios e en persoal" e recalcou que o Goberno galego sabía desde había tempo desas deficiencias" e "non fixo nada para  corrixilas”.

"Fai falla un cambio de modelo", considerou Reino, "e alcanzar un grande acordo de país en prol do público en todos os ámbitos". 

Fernández ve no informe o negocio da privada

David Fernández, referente da formación política En Marea e parlamentario no Grupo Mixto, indicou a Nós Diario que as deficiencias que recolle o informe de 2017 deixan claro que o modelo de centros privados non vale porque desprotexe as persoas. Reivindica que esas problemáticas foron denunciadas pola oposición en reiteradas ocasións e que "a Xunta pasou de coidar os nosos maiores a beneficiar as empresas privadas que fan negocio".

As eivas que sinala o informe de Contas resumen como é o modelo privado, di Fernández, con "peores condicións para usuarias e persoal, e grandes beneficios para empresas e fundacións".

As forzas da oposición coinciden en criticar falla de transparencia nos datos da crise nas residencias que dá a Xunta e demandan a Feixoo que compareza na Deputación Permanente do Parlamento. Tamén coinciden en que, ao pasar a emerxencia, será precisa unha investigación na Cámara sobre a situación nestes centros para esclarecer feitos e responsabilidades. 

A empresa DomusVI  busca persoal na web

A empresa DomusVI está nutrindo a rede social Infojobs de ofertas de emprego para persoal sanitario e asistencial nas súas residencias privadas da Galiza. A corporación, cuxos centros están nos ollos da crítica social por mor dos numerosos casos de contaxio por coronavirus que se rexistraron neles, publicou tan só no mes de abril máis de 7 anuncios no portal de Infojobs.

A compañía busca auxiliares de Enfermaría, con experiencia mínima "non requirida", para os centros de DomusVI de Cangas, Lugo e A Coruña; así como estudantes de sexto curso de Medicina para o centro de San Lázaro, en Santiago de Compostela. 

O portavoz de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino alertaba precisamente destes anuncios no día de onte nunha rolda de prensa, afirmando que “a empresa que xestiona a residencia máis afectada pola epidemia está buscando estudantes de Medicina para cubrir prazas vacantes de médicas nun portal da internet. É unha vergoña”, sinalaba.

Na Xunta "ven ben" que as residencias privadas lancen ofertas de emprego por Internet cando é a propia Xunta quen tutela todos os centros de maiores

Nós Diario púxose en contacto coa Consellaría de Política Social a teor de que a Xunta tutela todos os centros de maiores desde a vixencia do estado de alarma e dos decretos aprobados polo Estado e mesmo interveu algunhas das residencias, como a de DomusVi en Cangas. Desde Política Social responderon a este medio que ven "ben que as empresas privadas se responsabilicen dos centros e busquen modos de reforzar o cadro de persoal".


Todo o contrario pensan na CIG. A secretaria nacional de servizos, Transi Fernández, sinalou a Nós Diario a súa oposición a que unha residencia privada estea a contratar pola súa conta nestes momentos.

"É horríbel que procuren persoal sen experiencia requirida para tratar con maiores nesta situación de pandemia", dixo. "Cómpre que o persoal teña experiencia e non entendemos que non contraten a partir das listas públicas do Sergas".

Fernández subliña que existe un protocolo de actuación en residencias para evitar contaxios, polo que preocupa que se busque persoal sen experiencia, xa que os sistemas de prevencion da COVID-19 son moi distintos doutros. Ademais, a sindicalista sinala que en centros privados está xa a traballar persoal público, o cal implica que, con estas ofertas, haxa persoas cubrindo o mesmo desempeño mais tendo salarios e dereitos distintos.

Comentarios