Un Feixoo en campaña electoral

O Partido Popular quere votar antes de outono.
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).

Pouco cambiou para Alberto Núñez Feixoo após o 16 de marzo. Mentres as forzas da oposición baixaron o pé do acelerador, poñéndose ao servizo do Goberno galego para facer fronte á situación derivada da aparición do coronavirus, o presidente da Xunta continuou a súa longa campaña electoral iniciada tras as repetidas derrotas do PP nos dous últimos comicios estatais. O máximo mandatario galego ten como obxectivo reeditar unha nova maioría parlamentaria que lle permita continuar outros catro anos máis liderando o Executivo desde Monte Pío.

Non hai mellor defensa que un bo ataque. Se nos meses previos á cita electoral Feixoo centrou o seu discurso en denunciar os agravios á Galiza por parte do Goberno estatal, reclamándolle investimentos que en ningún momento lle solicitou ao presidente Mariano Raxoi e culpando o Estado dos principais problemas do país, coa intención de eludir a súa responsabilidade na situación, o seu discurso non mudou desde a chegada do coronavirus. Neste novo tempo, Sánchez volve ser o único responsábel dos problemas creados pola pandemia, malia que as competencias exclusivas en materia sanitaria corresponden á Administración galega.

A xestión da emerxencia sanitaria estase demostrando como unha cuestión menor para Feixoo. A prioridade política do presidente galego é debilitar a posición de Pedro Sánchez, convencido de que as súas posibilidades electorais dependen, tamén, do deterioro do PSOE. Neste sentido, nas súas comparecencias públicas e nas reunións de presidentes, busca a confrontación co Executivo estatal, situando nun segundo plano os intereses das galegas e dos galegos. As organizacións sindicais chegaron a denunciar o racionamento, por parte da Xunta, de equipos de protección contra o coronavirus entre o persoal sanitario o dos centros de maiores coa intención de responsabilizar a Sánchez do desabastecemento.

Feixoo aprazou as eleccións mais non a campaña electoral. Unha vez confirmado o adianto dos comicios lanzou o Executivo a unha campaña sen cuartel aproveitándose dos cargos de representación gobernamental, nalgúns casos cesados para concorrer nas listas e posteriormente recuperados. Actualmente utiliza os membros do seu gabinete como arietes na campaña de desgaste das forzas da oposición. A este respecto, destaca o papel de conselleiras e conselleiros da área económica da Xunta, cunha activa axenda pública de combate á acción do Goberno estatal e que contrasta coa falla de medidas efectivas dos seus departamentos diante da crise provocada pola pandemia.

A actitude do conselleiro de Economía, Francisco Conde, é paradigmática desta táctica. A súa crítica implacábel ás decisións económicas do gabinete de Pedro Sánchez, sexa polas discrepancias sobre a orientación das mesmas, sexa polo seu carácter insuficiente, non vai acompañada de alternativas para paliar a crítica situación de persoas asalariadas e de persoas autónomas. Así, a diferenza do acontecido noutras comunidades, a Consellaría non aprobou ningunha liña de axuda directa para o colectivo, na dirección do solicitado polas forzas de oposición e das organizacións representativas do sector. Outro tanto sucede co conselleiro de Medio Rural, José González, e coa conselleira de Mar, Rosa Quintana, nas súas respectivas áreas de responsabilidade.

Comentarios