Feixoo deixa fóra do comité de expertas para a crise económica as representantes das traballadoras

O presidente da Xunta prima para a saída da crise os intereses económicos e empresariais aos sociais e laborais.
Fernando González Laxe e Alberto Núñez Feixoo en Compostela (Xunta).
photo_camera Fernando González Laxe e Alberto Núñez Feixoo en Compostela (Xunta).

A Xunta prepara o terreo para a saída dunha crise que vai ser especialmente profunda no económico. Para deseñar ese futuro, o presidente Alberto Núñez Feixoo encomendoulles a varias expertas a tarefa de consensuar solucións para que os efectos da pandemia de coronavirus afecten o menos posíbel á economía galega e ao seu tecido produtivo.

Nese tecido produtivo, as traballadoras son parte esencial, e tamén as que están a pagar en maior medida as consecuencias desta crise, sexa en forma de ERTE ou de cese de actividade no caso das autónomas, ás que a Xunta non está prestando demasiada atención. De feito, nesa comisión de expertas deseñada polo Executivo galego non haberá representación das traballadoras. Si que haberá das empresas, xa que están chamados a participar nas xuntanzas o Círculo de Empresarios de Galicia e a Asociación Galega da Empresa Familiar. A Xunta, pola súa banda, estará representada polas consellarías de Economía, Medio Rural e Mar.

As centrais sindicais da Galiza así como os clústers e as asociacións gremiais quedan, pois, fóra dunha mesa de traballo na que a recuperación do mercado laboral será unha das principais cuestións a tratar. A súa ausencia só pode significar que o Goberno de Feixoo está disposto a sacrificar dereitos laborais con tal de que as empresas galegas volvan xerar cartos. Os problemas sociais derivados da crise da COVID-19 serán temas a tratar máis adiante, polo que dá a entender Feixoo con esta configuración. 

Pero a dos sindicatos non é a única ausencia. Tamén chama a atención que o Executivo galego prescindise da patronal na mesa de expertas. A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) leva anos sumida nunha crise que afectou enormemente ao seu poder de representatividade do tecido empresarial do país, unha debilidade da que se aproveitaron entidades como o Círculo de Empresarios. 

Como lles explicou o propio Feixoo aos integrantes deste selecto grupo na misiva na que lles pedía a súa colaboración, o obxectivo da Xunta é non perder máis tempo e manter a primeira reunión por vía telemática esta mesma semana. "Somos conscientes da necesidade de tomar a iniciativa para reactivar a economía e adiantarse para estar preparados para afrontar unha difícil recuperación cando a situación sanitaria deixe de ser extraordinaria", sinala no texto.  

Pluralidade mal entendida

A comisión é un espello da política de concentración levada a cabo polo Executivo do PP, con empresas pero sen sindicatos, con representantes políticos, pero limitando a pluralidade ao PP e o PSOE. As súas funcións serán determinar o impacto das medidas de restrición para despois avaliar os posíbeis escenarios de saída da crise achegando propostas económicas, laborais e fiscais para dita reactivación, contando para iso coas contribucións de economistas e empresarias. "Queremos contar coas mellores", destaca o presidente Feixoo na súa carta, na que invita as expertas a procurar solucións para que Galiza "sexa capaz de facer fronte a esta crise da mellor maneira posíbel".

Inditex e Reganosa, con voz no comité

Entre os nomes propios da lista configurada por Feixoo figuran o do economista e ex presidente socialista da Xunta Fernando González Laxe, que tamén é doutor en Ciencias Económicas e Empresariais; o do presidente do Foro Económico, Santiago Lago; mais tamén os de representantes de grandes empresas como Inditex ou Reganosa. Este é o caso de Emilio Bruquetas, o director xeral da planta regasificadora controlada pola familia Tojeiro (Gadisa), e o de Ignacio Fernández, profesor de Facenda Pública e director xeral de Finanzas de Inditex. A eles súmase a vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa e ex secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira, Rosa Sánchez Yebra. Do Círculo e da patronal da Empresa Familiar participarán as súas respectivas directivas.

Comentarios