O BNG ve "raquítico" o teito de gasto da Xunta para 2024

Presas advirte que "non compensa" a inflación
A deputada do BNG Noa Presas no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Noa Presas no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O Consello da Xunta da Galiza deu esta cuarta feira o seu visto e prace ao teito de gasto non financeiro para 2024: 13.257 millóns de euros, 637 millóns máis que en 2023 (5% de aumento). O BNG considera "raquítico" ese teito de gasto e advirte de que "non compensa" a suba de prezos. A portavoz de Economía da formación nacionalista na Cámara galega, Noa Presas,  cualifica este teito como "unha mordaza" para a a planificación de gasto da Galiza, un instrumento que responde "a un modelo centralista e tremendamente inxusto".

Isto é consecuencia para a representante do BNG dun sistema de financiamento no que a Galiza sae discriminada e que responde a un modelo "do que tamén o Partido Popular é responsábel".

"Insuficientes"

En base a isto, Presas ve nos Orzamentos da Xunta para 2024 unhas contas "insuficientes para afrontar a crise social e reactivar a economía".

O aumento anunciado polo Goberno galego, segundo destaca a deputada nacionalista, "é case a metade que en 2023", pois incrementa en 600 millóns para 2024 cando os deste ano eran mil millóns. Ademais, ironiza Noa Presas sobre o feito de que "cada ano o Goberno do PP defina os orzamentos que presenta como históricos". Finalmente, resalta a "hipoteca" de 14.500 millóns que "deixa o PP" en débeda pública, parte da cal haberá que afrontar tamén nas contas para 2024.

Alfonso Rueda defendeu esta cuarta feira que o teito de gasto elaborouse en basea estimacións "prudentes" e "realistas". Con todo, elevar ao máximo histórico o teito de gasto non implica, necesariamente, un investimento tamén de récord, pois o Goberno galego deixou sen executar entre os anos 2010 e 2020 un total de 9.624 millóns de euros sobre os 114.984 orzamentados en total, segundo o informe Os orzamentos liquidados galegos 2010-2020, do economista Xosé Díaz.

Servizos públicos

Tamén onte desde o PSdeG criticaron que o Goberno galego "desaproveite" o maior teito de gasto e aposta en "reducir impostos aos millonarios e levar a débeda ao máximo histórico". A deputada do PSdeG e portavoz de Economía, Begoña Rodríguez,  pon en dúbida a "capacidade de xestión" de Rueda.

Comentarios