O Parlamento aproba un teito de gasto que BNG e PSdeG rexeitan por "regresivo"

A maioría do PP saca adiante un teito que medra menos que o IPC.
FZObVhaXoAAOFHS
photo_camera FZObVhaXoAAOFHS

O Parlamento da Galiza aprobou esta cuarta feira, cos únicos votos do PP e a oposición de BNG e PSdeG, o teito de gasto para 2023, un total de 12.599 millóns de euros que fixan o límite a partir do cal elaborar os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano e que serán presentados antes do vindeiro 20 de outubro.

Foi un debate curto —menos dunha hora— e cun resultado coñecido de antemán mais no que as diferentes intervencións permitiron comprobar de novo sobre o parqué da Cámara as diferentes, mesmo antagónicas, visións sobre a situación actual de crise. e como lle facer fronte.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, defendeu o teito de gasto "máis alto da historia da Galiza" —8,2% superior ao do exercicio 20222— como o marco para elaborar uns orzamentos "útiles". Unhas contas, apuntou, que teñen que ser "responsábeis" e que procurarán apoiar as familias e empresas "mais vulnerábeis" pola inflación crecente. Botou man das previsións para 2023 para afirmar que a Galiza vai encadear tres anos de crecemento económico, 2020-2023, e que a finais de 2023 a taxa de paro estará por baixo de 10%, "o que non se conseguía desde hai 15 anos". 

Presas: "Traerá recortes e desinvestimento"

Noa Presas (BNG) indicou que o aumento do teito de gasto de 8,2% fica por baixo da suba da inflación, 10%, "o que non vai permitir asumir o que custa de máis" soportar os custos dos servizos públicos, advertiu, e pode abrir a porta a "desinvestimentos e recortes". A deputada nacionalista criticou que a Xunta "non anticipa solucións" nunha situación excepcional de crise e sinalou que a situación pode empeorar: "Veñen curvas". O teito de gasto, apuntou, está marcado polo "mal negocio para a Galiza" que é "o centralismo", e criticou que certos sectores vexan como "un éxito" o aumento da achega financeira do Goberno estatal: "Agora aumenta e antes baixou, ninguén regala nin un céntimo a este país". Presas cualificou de "corsé" este teito de gasto, ao non atender unha "situación excepcional" como a actual e nunha Galiza "con 600.000 persoas en risco de exclusión social e 40.000 con carencia material severa".

Álvarez: "Corrixan a forma de gobernar"

O portavoz parlamentar do PSdeG, Luís Álvarez, xustificou a negativa da formación socialista a apoiar este teito de gasto por  considerar que non atenderá os sectores "necesitados", debido á supresión da Tarxeta Básica, así como a falta de atención a un sistema sanitario "colapsado" e a miles de dependentes que non contan con prestación.

Álvarez instou o Goberno galego a "corrixir a forma de gobernar" e instouno a que nos orzamentos para 2023 contemplen "a protección de toda a cidadanía".

Puy: "A inflación é o peor inimigo da democracia"

Pedro Puy (PP) lamentou a actitude da oposición: "Temos agora máis ingresos dos que vostedes pedían", dixo, "e critícano". O portavoz do PP na Cámara dixo que "o problema do noso país é a división" e situou a inflación como "o peor inimigo da democracia e as clases medias".

Pedro Pui retorna ao atril case tres meses despois

O portavoz parlamentar do PP, Pedro Pui, subiu esta cuarta feira desde o seu escano ao atril da Cámara para participar no debate do teito de gasto. A primeira vez que facía ese breve percorrido duns pasos desde que o pasado 12 de maio sufrise un infarto durante a sesión de investidura de Alfonso Rueda.

Tivo palabras de agradecemento para o persoal da Cámara e o persoal do Hospital de Santiago, así como para os deputados e deputadas, que se interesaron polo seu estado durante este tempo: "Sinceramente, agradézollo". A seguir, Pui mostrou que segue a gustar do pulso dialéctico nas súas intervencións, esta cuarta feira nomeadamente coa deputada do BNG Noa Presas, por citar a Lenin ("Hai décadas nas que non pasa nada, e hai semanas nas que pasan décadas"). "Eu non citaría Lenin eloxiosamente", dixo.

Comentarios