O BNG reitera o "reto" de lograr un grupo propio no Congreso porque Galiza "llo debe" a Castelao, Casal ou Bóveda

Ana Pontón lamenta que vaian "cero competencias" transferidas nos últimos 14 anos, un balance ao seu xuízo da "incompetencia" e "submisión" dos populares ao "modelo do madridcentrismo", unha "grande aspiradora de recursos e riqueza". "Mentres Madrid gaña, Galiza perde", afirma a líder nacionalista.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, intervindo no acto do BNG esta segunda feira en Bonaval. (Foto: Europa Press)
photo_camera A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, intervindo no acto do BNG esta segunda feira en Bonaval. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou esta segunda feira que a súa formación marca "o reto" de lograr grupo propio no Congreso —un mínimo de cinco escanos— nas eleccións estatais do vindeiro 23 de xullo e afirmou que Galiza "llo debe" a figuras como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal e María Miramontes, "pero sobre todo" ás xeracións actuais e ás vindeiras.

En Santiago, os nacionalistas galegos celebraron hoxe o aniversario do Estatuto de 1936 no parque de Santo Domingo de Bonaval, no espazo arquitectónico da arquería. Antes que Pontón interveu a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, quen reivindicou Compostela como "territorio de estatuto", por personalidades como o que fora rexedor, Ánxel Casal.

A continuación, a líder do Bloque, que celebrou "con orgullo" contar na actualidade cunha alcaldesa nacionalista, lembrou tamén o "papel que historicamente xogou" o concello da capital galega no Estatuto do 36. Sen a participación "activa" daqueles intelectuais, advertiu, "non existiría" dito estatuto "nin Galiza sería recoñecida como nacionalidade histórica na 'Transición'".

De aí, apostilou, a "relevancia" de dispor de forzas políticas propias, da man do Partido Galeguista daquela e agora co BNG, dixo. Neste punto, trouxo a colación un cartel pendurado aqueles días do plebiscito no que se podía ler 'A nosa terra non é nosa' e sobre a que algún dos impulsores do Estatuto advertía que debía pór 'Para que a nosa terra sexa nosa'.

A este respecto, aplaudiu a "intelixencia política" do "nacionalismo galego dos anos 30" por "combinar firmeza con realismo" para "dotar á Galiza das primeiras institucións de autogoberno". Eran "conscientes", engadiu, de que non abondaba con "denunciar" a situación, senón que era preciso propor "en positivo". A estratexia do Bloque actual vai "en liña recta con isto", remarcou, en defensa dun "nacionalismo do século XXI firmemente comprometido".

"14 anos de incompetencia"

Após criticar o "indecente" de que se produza unha "concentración da riqueza" e de "recentralización política" coincidindo coas últimas crises, avogou por "ir á raíz dos problemas do sistema". Neste sentido, propuxo, entre outras cuestións, "pór coto aos grandes lucros" e "reducir gastos militares", antes de lamentar que o Goberno galego estea "en mans do PP", ao que ve como "cabalo de Troia" das eléctricas.

O Estatuto, agregou, "segue sen cumprirse", e lamentou que vaian "cero competencias" transferidas nos últimos 14 anos, un balance ao seu xuízo da "incompetencia" e "submisión" dos populares ao "modelo do madridcentrismo", unha "grande aspiradora de recursos e riqueza". "Mentres Madrid gaña, Galiza perde", cuestionou. Por iso é polo que considera preciso "facerse valer como país", na aposta dos nacionalistas por unha "Galiza viva, forte e con máis autogoberno", porque significa, recalcou, "máis benestar".

A "axenda" do BNG para "unha nova Galiza" supón pensala "en grande" e pasa por medidas "en tres niveis": lograr a transferencia de "todas as competencias pendentes"; "máis poder político", para o que o Parlamento galego debe activar un relatorio para conseguir "un novo status" que recoñeza o país "como nación", e, por último, un "novo sistema de financiamento" que se basee nun concerto co que recadar 100% dos recursos "e logo negociar co Estado".

"Quedar parados é retroceder. Para que esta axenda avance é importante o que pase o 23 de xullo", proclamou, antes de pedir "usar o voto como unha ferramenta para acabar co trato de segunda que dan desde Madrid, para defender investimentos xustos".

Comentarios