23-X | ENTREVISTA

Néstor Rego: "Só se consolida un Goberno alternativo se non se fan concesións á dereita"

Néstor Rego (O Vicedo, 1962), deputado polo BNG no Congreso desde 2019, confía en levar ás urnas a corrente de apoio que se constatou o 28 de maio nas municipais, “valórase moito a nosa coherencia e capacidade de pór sempre en primeiro plano os problemas galegos”. Nesta conversa fai balance da lexislatura e valoriza a conciencia galega que impide arraigar no país o discurso ultraespañolista.
Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso español, visitou a redacción de 'Nós Diario'. (Foto: Xan Carballa)

—Que balance político fai do traballo do BNG no Congreso neste período no que regresou, despois da ausencia entre 2015-2019?
É positivo porque, ademais de intenso, foi decisivo en moitos momentos e beneficiou o país. Nós comprometerámonos a tres cuestión: ser voz da Galiza no Congreso e levar alí os seus problemas; defender as maiorías sociais con políticas avanzadas e servir de muro de contención á dereita e á ultradereita. O noso voto foi determinante na investidura e evitou unha repetición electoral e fixémolo cun acordo de investidura que desbloqueou a axenda galega e serviu para comezar a darlle solucións a algúns problemas enquistados, aínda que despois houbese incumprimentos do Goberno. Apoiamos leis como a de eutanasia ou novos dereitos feministas e do colectivo LGTBI, pero outras non foron adiante e non por sermos nós obstáculo, como as derrogacións da reforma laboral ou da lei mordaza.

—Deses incumprimentos no acordado inicialmente, cales son os que máis lles doen?
Aínda que con matices, saíron adiante moitos asuntos. Por exemplo, hai descontos importantes na AP-9, págase a metade que antes, o que non quita que sigamos no empeño de lograr o traspaso á Galiza e a gratuidade do seu uso. En infraestruturas houbo avances, como a modernización da liña Ourense-Lugo, a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña ou a dragaxe da ría do Burgo… pero quedaron moitos outros sen cumprir, por exemplo a rede ferroviaria interna que alí figuraba, unha atención maior á crise industrial particularmente coas transicións en Meirama (Cerceda) e nas Pontes.

Houbo outra, especialmente sangrante, que foi incumprir algo básico para frear a violencia contra as mulleres que era a creación de tres xulgados especializados. Nesta materia non abondan as declaracións, trátase de actuacións e recursos. Nós non paramos de presionar en todo este tempo e os incumprimentos teñen que anotárselle a quen debían levalos a termo. Por iso dicimos que precisamos de máis forza e representación. Non porque podamos ser votos decisivos se se dan as circunstancias, senón para ter forza permanente e obrigar a cumprir o pactado.

Cando un goberno di que hai que frear a dereita e queda a medias ou incumpre o seu programa, realmente ábrelle camiño a esa dereita

—Despois dunha lexislatura case completada, que valoración fai do Goberno do PSOE-Unidas Podemos?
Con carácter xeral hai que dicir que incumpriu, ou quedou a medias, con moitos compromisos. En certa maneira decepcionou propios e estraños. Cando un Goberno di que hai que frear a dereita e queda a medias ou incumpre co programa de partida que tiña, realmente ábrelle camiño a esa dereita. Indo a exemplos do que digo: a non derrogación da reforma laboral de Raxoi e da Lei Mordaza. A propaganda, no caso da reforma laboral, foi moi intensa, pero resumindo, se había dez puntos graves a mudar, só eliminaron o menos importante (o referido á ultraactividade dos convenios) e a medias outro. Ficaron vivos os peores: abaratamento do despido, salarios de tramitación, primacía dos convenios estatais sobre os galegos… Non derrogaron tampouco a reforma das pensións, consolidaron os recortes anteriores e introduciron outros novos. Comprometéronse cunha lei de memoria democrática que remataría coa impunidade do franquismo e non suprimiron os artigos da lei de amnistía que o permitiría, como proba o recente arquivo da querela polo asasinato de Moncho Reboiras.

Si houbo avances, como antes dixen: eutanasia, dereitos feministas ou do colectivo LGTBI…, aínda que nalgúns casos recortados polo PSOE, como cando pactou co PP reformar o código penal e volvelo ao da “Manada”. O balance non pode ser positivo aínda sabendo que enfronte hai unha dereita e ultradereita que o faría moito peor, pero iso non pode ser un pretexto para avalar determinadas políticas.

—E en relación ás políticas na Galiza?
Aquí houbo un comportamento globalmente negativo. Por iso dicimos moitas veces que o que fan as forzas estatais é alternarse na discriminación ao país. Os tres orzamentos que aprobou este Goberno foron moi negativos para nós, especialmente o primeiro, que en 2021 reducía o investimento do derradeiro do PP, con Montoro en 2018, en 104 millóns, e por iso votamos non. Melloraron algo os de 2022 e 2023, pero poderíamos falar de incumprimentos flagrantes como no traspaso da AP-9, bloqueado polo PSOE no último momento, aínda que o aprobaran no Parlamento da Galiza e foran defendelo no Congreso. Ou cando propuxemos a transferencia do Instituto de Oceanografía (con sedes na Coruña e Vigo), que se aprobou por unanimidade até catro veces no Parlamento galego, e cando o levamos ao Congreso o PP votou en contra e PSOE e Unidas abstívose.

Néstor Rego opta á reelección encabezando a lista do BNG pola circunscrición da Coruña. (Foto: Xan Carballa)
Néstor Rego opta á reelección encabezando a lista do BNG pola circunscrición da Coruña. (Foto: Xan Carballa)

—Sempre se dá por suposto que, para parar o PP, o BNG vai apoiar un Goberno alternativo. Cando este non cumpre acordos, aparece unha contradición grave.
Pero esa é unha realidade que nós non ocultamos, senón que a denunciamos. O noso é un criterio independente, algo que parecen non entender as outras forzas. O PP di que fomos muleta de Pedro Sánchez e o PSOE di que votamos en contra de moitas das súas propostas. Pero das 60 leis deste período lexislativo, votamos a favor de 24, en contra de 12 e abstivémonos no resto. Porque actuamos en función de valorar se eran positivas para o noso país, para as maiorías sociais de traballadores e traballadoras. Por iso votamos contra a reforma laboral de Yolanda Díaz, que consolidou a do PP –por iso tivo o apoio patronal, da FAES de Aznar ou da súa creadora, de Fátima Báñez–, ou abstivémonos na de Vivenda porque hai avances pero non se adecúa ao noso país e queda moi atrás en materia de aluguer ou de impulso a unha política de vivenda pública.

—Na vida social non o parece, pero do clima político madrileño semella deducirse que estamos na beira dun abismo. Vivido alí é tan polarizado como se transmite?
Ese clima vívese así no Congreso, non só coa deslexitimación do Goberno, tanto das maiorías que se poidan conformar como sobre moitos e moitas congresistas. Xa de entrada cuestionaron a lexitimidade dos deputados nacionalistas que tomando posesión prometemos defender os dereitos da Galiza e a soberanía do noso país, dicindo entón que non eramos deputados de pleno dereito. Iso forma parte do núcleo da dereita. Nós dicimos que fronte a esa estratexia non hai que contemporizar e rematar por xogar nos seus marcos mentais, senón avanzar en políticas transformadoras e en dereitos sociais. Creo que iso non o entendeu o Goberno e particularmente o PSOE.

Cando escoitamos a declaración de Pedro Sánchez sobre os dereitos feministas, repregándose sobre os supostos “homes ofendidos”, non sei como pretende consensuar a igualdade de dereitos das mulleres con Vox e un PP entregado á extrema dereita. Os dereitos conquístanse e non se consensúan con quen ten como principal obxectivo negalos. O que había que facer era avanzar máis e non quedar a medio camiño.

Até Feixóo, tan de dereitas e españolista, cando chegaban as eleccións galegas tivo que facer un discurso en exclusiva chave galega

—Singularmente Vox non ten presenza na Galiza, tampouco en Euskadi, como se viu nas municipais. Cal é a razón?
Hai compañeiros e compañeiras que din que sucede porque os da ultradereita xa están no PP. Paréceme simplista esa opinión e podería aplicarse a outras latitudes, non digamos a Madrid, onde máis ultras que no Partido Popular é difícil atopalos.

Vox non ten aquí presenza porque a súa idea de España única non calla, porque a sociedade galega ten un sentimento de identidade propia, por difuso que sexa, moi profundo, que infelizmente non sempre se traduce en conciencia nacional coherente ou de voto a unha forza política como o BNG. Pero esa identidade galega que rexistran os estudos estatísticos, cunha baixa identificación con España en Euskadi, Catalunya e Galiza, tamén se reflicte nos espazos políticos. Tanto é así que un señor como Núñez Feixoo, moi de dereitas e moi españolista, cando chegaban as eleccións galegas facía un discurso en exclusiva chave galega, co seu último slogan “Galicia, Galicia, Galicia”, tapaba a bandeira española e poñía en primeiro plano a galega…

A idea de españolidade de Vox non calla nunha sociedade que non se identifica con iso e hai que valoralo positivamente, aínda quen non sexa satisfactorio, porque se trata de transformar ese sentimento difuso en conciencia política coherente. 

—A foto política galega do 28-M volveu a un panorama de tres forzas, pero agora vai aparecer Sumar como se fose algo novo. Igualmente vostedes saen coa idea de conseguir grupo parlamentario. Non conseguilo pode frustrar unha expectativa demasiado alta?
Hai unha expectativa non só no BNG, haina en todo o país. Recoñécese o traballo que fixemos, magnífico aínda que só tivésemos un deputado, non por mérito meu senón porque o BNG é unha organización moi implicada na sociedade. Valórase moito a nosa coherencia e capacidade de pór sempre en primeiro plano os problemas galegos. Ou sexa, a idea de que se queremos que á Galiza lle vaia mellor é necesario máis forza e representación. A expectativa creo que é realista e maniféstase en todos os estudos de opinión, en que o que menos nos dá prevé dous representantes.

A extrapolación das municipais, que sabemos que é perigosa, daríanos catro representantes e un segundo pola Coruña ao alcance. Iso indica que é posíbel, porque as persoas que colleron a papeleta do BNG o 28 de maio, non teñen por que non facelo outra vez. Traballaremos para iso e por que se sumen moitas máis. Todo votante que queira frear a dereita e que Galiza conte e se avance en políticas sociais, estamos convencidos de que vai confiar en nós.

Comentarios