O BNG presenta os 10 compromisos "estratéxicos" coa Galiza para o 23-X

Competencias e benestar centran a proposta
bng decalogo 23-x
photo_camera Daniel Castro, Carme Da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas (Foto: Nós Diario)

Promover até 35 transferencias de competencias a Galiza, elevar progresivamente até os 2.000 millóns o investimento anual o país, apostar polo transporte público ou incidir no mantemento e reforzo das políticas sociais son algúns dos elementos que o BNG incluíu nun decálogo de compromisos articulado para o 23-X e que onte presentou a súa portavoz nacional, Ana Pontón, acompañada das cabezas de lista polas catro circunscricións: Néstor Rego (A Coruña), Carme da Silva (Pontevedra), Noa Presas (Ourense) e Dani Castro (Lugo).

O 23- X, dixo Pontón, os galegos "van escoller 23 representantes no Congreso" e terán que decidir, engadiu, se os queren "atados de pés e mans", tendo "que render contas aos seus partidos en Madrid" ou "comprometidos co pobo galego". Así, instou a "substituír o servilismo" dos partidos estatais por "unha política responsábel, leal, exixente e construtiva coa sociedade galega" a través da representación nacionalistas.

"O BNG é a única candidatura coas mans libres para defender a voz galega en Madrid", dixo Pontón, para quen as forzas estatais "non entenden de xustiza territorial nin de cohesión".

A líder do BNG puxo como exemplo "outras nacións, como Catalunya ou Euskadi", que "conseguiron innumerábeis melloras" para os seus territorios "porque tiveron forzas propias en Madrid que lograron avances". Entre as propostas do BNG, Pontón mencionou o "conseguir máis investimentos, máis competencias e máis compromisos do Estado para a Galiza". Ademais, comprometéronse a apoiar medidas para "frear o risco de involución demográfica" e "garantir que non gobernen as dereitas". "O mellor para a Galiza é votar BNG", resumiu Pontón.

"A candidatura do Bloque é a única garantía de avanzar en autogoberno real", indicou. "De conseguir unha representación forte e propia en Madrid depende que poidamos negociar a favor dos nosos intereses en todos os temas de máxima relevancia", concluíu.

O cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, explicou que unha das reivindicacións deste decálogo é incrementar progresivamente o investimento do Estado en Galicia até os 2.000 millóns de euros anuais, após a "marxinación" sufrida nos últimos anos, dixo.

Así mesmo, o BNG propón que se transfiran, "como mínimo", 35 novas competencias á comunidade autónoma, entre elas a xestión do litoral ou do tráfico e a seguridade pública. No ámbito das transferencias, o BNG dedica un punto independente á AP-9, para reclamar que sexa de "xestión galega" e libre de peaxes.

Tamén esixen que haxa unha "condonación da débeda de Porto da Coruña" ou unha compensación. "Non é de recibo que se condonase a débeda de máis de 400 millóns do Porto de Valencia e non se compense unha débeda de só 200 millóns do Porto da Coruña", dixo Rego.

Comentarios