Vence sinala como prioridade para as municipais formar un “polo nacionalista”

O portavoz nacional do BNG asegura que Esquerda Unida rexeita a “galeguización” do debate e iso imposibilita chegar a acordos namentres que pide tempo para saber “que vai dar de si Podemos”.

ENCONTRO NACIONAL BNG 1 (27 ABRIL 2014)
photo_camera ENCONTRO NACIONAL BNG 1 (27 ABRIL 2014)

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, concedeu unha entrevista ao diario El País na que abordou diversas cuestións de actualidade, entre elas as posíbeis alianzas que puidese acometer o Bloque de cara ás municipais, para as que o dirixente nacionalista dixo “non saber que vai pasar” pero asegurou que a prioridade da súa formación será “un polo nacionalista”.

Vence tamén falou das relacións con Esquerda Unida -á que se referiu como “forza minoritaria”- e mesmo da posibilidade de chegar a acordos, que parece moi afastada: “Se Izquierda Unida contribúe a unha dinámica que reforce a galeguización do debate non haberá ningún problema, pero non é así. Hai quince días tivemos unha xuntanza para falar da posibilidade de concretar unha axenda galega sobre o cambio de réxime e a abdicación do rei pero eles preferiron supeditarse ás estratexias, discurso e consignas a nivel de Estado”.

"Respecto a Podemos hai que ver que unha cousa é un discurso xenérico de dez puntos para unhas eleccións e outra un proxecto político", di Vence

Sobre a irrupción de Podemos, o líder do BNG asegurou que “naceu sen estrutura e nos seus primeiros pasos para crear unha organización empeza a tropezar cos típicos problemas. Unha cousa é un discurso xenérico con dez puntos para unhas eleccións e outra un proxecto político. Veremos o que dá de si”.

Na entrevista, Vence negou que o BNG levase tempo pechado, porén incidiu na necesidade de “mellorar a interlocución coas persoas contrarias ás políticas do PP e a troika”.

Comentarios