O BNG reúne as súas alcaldesas e alcaldes e lanza un decálogo de medidas para a sanidade pública

As medidas propostas pola formación nacionalista pasan por recuperar as xerencias en Atención Primaria con orzamentos "específicos" e "calidade resolutiva" ou un plan de choque para acabar coa espera en atención hospitalaria.
Os rexedores do BNG no Parlamento da Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera Os rexedores do BNG no Parlamento da Galiza (Foto: Europa Press).

O BNG reuniu este sábado no Parlamento da Galiza alcaldesas, alcaldes e outros cargos da formación, á vez que fixo público, coa seu líder, Ana Pontón, á fronte, un manifesto contra a "estratexia de voadura programada" da sanidade pública que atribúe ao PP e á Xunta da Galiza.

Para combatela, a líder nacionalista puxo sobre a mesa un decálogo de medidas.

E é que, perante a "estratexia do PP de recortar a sanidade pública" para "favorecer o negocio privado", os alcaldes do BNG propoñen dez prioridades que arrincan por unha medida xa avanzada en reiteradas ocasións pola propia Pontón: un plan de choque de 200 millóns de euros para sacar do "colapso" o primeiro nivel asistencial da sanidade, a Atención Primaria.

Outras medidas do BNG pasan por recuperar as xerencias en Atención Primaria con orzamentos "específicos" e "calidade resolutiva", un plan de choque para acabar coa espera en atención hospitalaria, garantir a existencia de atención pediátrica "en todos os concellos" ou que haxa os equipos completos necesarios nos puntos de atención continuada (PAC).

Ante as distintas mobilizacións pola situación sanitaria que se rexistraron en varias localidades galegas, e ás portas da que SOS Sanidade Pública convocou en Santiago de Compostela para o 12 de febreiro, Pontón tamén reprobou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, suxerise que se trata de accións "politizadas".

"Un grave problema"

"Rueda debería descabalgarse da súa soberbia e pisar a terra deste país. Se o fixese, descubriría que na Galiza hai un grave problema", aseverou a líder nacionalista.

Comentarios