Rueda quer contrarrestar o malestar sanitario atacando os Concellos do BNG e PSdG

O malestar social pola situación da sanidade, plasmado na vaga de mobilizacións en varias comarcas galegas nestes meses, ten unha cita o o vindeiro 12 de febreiro cunha manifestación nacional, o que preocupa no Goberno galego, cuxo presidente, Alfonso Rueda, cargou contra convocantes e concellos do BNG e PSdeG.
Reunión esta quinta feira do Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Reunión esta quinta feira do Consello da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).

Se a principios desta semana era o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen cargaba contra as plataformas en defensa da sanidade pública (alcumounas de "SOS bipartito") esta quinta feira foi o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen proseguiu polo camiño da descualificación destes colectivos. E non só a eles, o titular da Xunta estendeu aos concellos gobernados polo BNG e o PSdeG as acusacións.

Para Rueda, e así o manifestou após a xuntanza semanal do Goberno galego hai "datos certos" de que hai unha "politización" nas convocatorias sociais para protesta pola situación sanitaria. O presidente mesmo puxo como exemplo que desde as plataformas convocantes "fanse peticións a concellos do BNG e do PSdeG para que apoien economicamente" manifestacións como a do vindeiro 12 de febreiro.

"De coincidencia ten bastante pouco", afirmou Rueda, apoiando así o conselleiro de Sanidade, que nos últimos tempos elevou o seu ton de crítica e ataque aos sectores que protestan contra a política sanitaria da Xunta da Galiza.

Ao seu xuízo, é "complicado" que SOS Sanidade Pública poida "aparentar independencia" cando, dixo, foi o BNG quen anunciou primeiro esta mobilización .

Segundo o presidente da Xunta, isto carece da "mínima aparencia de obxectividade e independencia". "As cousas así non se poden facer", dixo, antes de engadir que se "alegra" de que "o PP non faga isto".

Transporte, capital Madrid

Na súa comparecencia esta quinta feira  após o Consello da Xunta, Alfonso Rueda informou sobre o informe presentado pola Consellaría de Infraestruturas sobre a mobilidade ferroviaria con Madrid, que supuxo que "en un ano" viaxasen por tren entre a Galiza e a capital do Estado 1,8 millóns de pasaxeiros en tren, máis ca os 1,6 millóns que optaron polo avión. Rueda aproveitou estes datos para demandar a necesidade trens Avril para a Galiza.

De feito, informou de que pedira a Fomento poder visitar eses trens, dos que a Galiza precisaría sete, anunciando esta quinta feira os servizos que prestarían, todos eles dirixidos a reforzar a conexión con Madrid. Dous trens para ter seis servizos diarios máis de entrada e saída da Coruña con destino Madrid, e o mesmo  desde Vigo.

O discurso do presidente centrouse, pois, na conexión ferroviaria coa capital do Estado, sen referencia ningunha nin a conexión interna da Galiza por tren —ausencia que lle critican periodicamente desde entidades de defensa do transporte público— nin da conexión do país co norte de Portugal, unha cuestión que o Goberno galego semella abordar unicamente para criticar o Executivo español.

O presidente ten esta sexta feira, unha cimeira cos mandatarios de Castela e León e Asturies para abordar o corredor ferroviario de mercancías polo noroeste. Mais na comparecencia desta quinta feira apenas desvelou os obxectivos e estratexias da cita, para alén de reivindicar "que o que se fai noutros lugares do estado tamén se faga aquí".

Tamén tivo que se pronunciar o presidente, a preguntas da prensa, sobre a alerta dada polo sindicato maioritario no ensino, CIG, sobre unha "posíbel intención" da Consellaría de renovar os concertos aos centros de ensino que segregan por xénero. Rueda afirmou que "non vai haber apoio económico a eses centros".

Medios públicos e manipulación

Preguntado tamén sobre se vai aplicar na Galiza as medidas para os medios públicos que o anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reclamou para "despolitizar" os medios públicos españois, Rueda negou que existise tal "politización" na CRTVG, de aí que non "haxa nada" que aplicar.

Unhas manifestacións que baten co que persoal da propia radio e televisión pública galega levan denunciando desde hai anos: "manipulación" e "censura".

Plan para cultura

Noutra orde de cousas, o mandatario galego deu conta da aprobación no Consello do Plan Xeración Cultura 2023, coa finalidade de "facilitar o acceso á cultura de todos os galegos" e no que se investirán 34 millóns de euros. Tamén anunciou que a Galiza  vai ser "a primeira comunidade cun sistema propio que acredite as competencias dixitais na educación" e a declaración como  iniciativa empresarial prioritaria a fábrica de inxectábeis de Indukern en Monforte de Lemos.

Dous discursos contrapostos sobre a Policía 'Autonómica'

O presidente galego manifestou esta quinta feira a súa "preocupación" pola mingua de efectivos do corpo da Policía española adscrito á Xunta da Galiza, a coñecida como Policía autonómica. "Hai 30% de prazas sen cubrir", dixo, referíndose a que na actualidade son só 370 policías nun corpo que debía ser de 500 e que ten competencias en diversos eidos, desde o combate ao furtivismo e á violencia machista, por pór dous exemplos. "Pediremos ao Goberno español que convoque máis prazas", dixo.

A Policía Autonómica non é en si unha policía propia, como no caso de Catalunya ou Euskadi, senón unha división que depende directamente do Ministerio do Interior e por iso a Xunta non pode resolver por si mesma a falta de efectivos e reclama máis axentes ao Estado.

Unha policía galega si sería posíbel coa transferencia das competencias de tráfico á Galiza, mais o PP oponse a este traspaso e votou en varias ocasións en contra de propostas no Parlamento para que esa policía pasase ser "integral", como o é en Catalunya ou Euskadi.

Comentarios