Parlamento

O PP rexeita negociar coa Fegamp a mellora do financiamento local

PSdeG e BNG falan de postura "caciquil" na Xunta.
Parlamento da Galiza, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pleno do Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

O PP rexeitou esta terza feira unha moción do PSdeG que demandaba á Xunta da Galiza, entre outras cuestións, negociar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) unha mellora do financiamento de Concellos, con criterios de repartición en "igualdade", así como que o Goberno galego se faga cargo da "totalidade" dos custos de prestación de servizos como escolas infantís ou de axuda no fogar.

No pleno do Parlamento, a deputada socialista Begoña Rodríguez expuxo que a proposta recolle "literalmente" os acordos unánimes no seo da Fegamp, co apoio "tamén de alcaldes e alcaldesas do PP". Por iso, criticou que os populares voten en contra e defendan unha "repartición caciquil" por parte da Xunta.

Citou o estudo presentado en novembro pola Fegamp alertando do "descalabro" nas contas municipais, que fixa en 1.000 millóns de euros ao ano o gasto de municipios en competencias que non teñen atribuídas. Así, expón que reciben 381 millóns de financiamento da Xunta, de maneira que asumen 624 millóns cos "seus propios recursos", reprochou a socialista.

No debate, Iago Tabarés (BNG) afeou a "falta de vontade" da Xunta para "cambiar as cousas", xa que prefire "seguir na discrecionalidade", "caciquismo" e "arbitrariedade". Pediu que "todos os galegos" conten cun nivel de servizos mínimos e básico, e demandou "consenso".

En cambio, Paula Prado (PP) queixouse de que a iniciativa é "exactamente igual" á presentada polo PSdeG en setembro. A continuación, afirmou que Rodríguez "mente publicamente" ao dicir que o Fondo de Cooperación Local está conxelado.

Comentarios