BNG retería a Alcaldía de Pontevedra nas eleccións locais de maio

As empresas de sondaxes non paran nos últimos meses. Os encargos das forzas políticas multiplícanse a medida que se achegan as eleccións. A última semana coñecíanse varias enquisas elaboradas por Gad 3 para as cidades galegas.

O nacionalista Miguel Lores goberna a cidade desde 1999
photo_camera O nacionalista Miguel Lores repetiría como alcalde Pontevedra. (Foto: Nós Diario).

Gad 3 continúa a ser a consultora electoral de cabeceira para os populares. Malia que a influencia do seu propietario Narciso Michavila tense reducido no PP tras a saída da presidencia de Pablo Casado, os conservadoras confían nel os traballos máis importantes. Tanto é así, que lle teñen encargado enquisas sobre a situación electoral das sete cidades galegas.

Unha destas sondaxes refírese a Pontevedra. Segundo Gad 3, o BNG obtería nos comicios de maio de 2023 36% dos sufraxios e 10 concelleiros. A continuación da candidatura liderada por Miguel Anxo Fernández Lores situaríase o Partido Popular con 35,8% dos votos e outros 10 representantes. O PSdeG, actual parceiro dos nacionalistas no Goberno local, acadaría  20,2% dos apoios e 5 concelleiros.

As lecturas desta sondaxe varían dependendo das formacións. A este respecto, fontes do BNG sinalan a Nós Diario que “esta é unha enquisa de parte, encargada polo  PP para mobilizar aos seus militantes” e entenden que “a porcentaxe de voto e a representación do BNG será maior en maio”.

Os dirixentes populares consultados por Nós Diario significan que “esta enquisa evidencia que o resultado está aberto e hai partido”. Nesta liña, consideran que “fica moito tempo e os resultados decídense, cada vez máis, nas últimas semanas de campaña electoral”.

Ivan Puente, candidato do PSdeG

Os socialistas responden a Nós Diario que “a sondaxe expresa a tendencia do PSdG”, pero lembran que “a mesma elaborouse cando aínda non tíñamos elixido cabeza de lista para as locais”. Precisamente, na  sexta feira de onte, confirmouse a candidatura de Iván Puente, antigo alcalde de Fene e concelleiro en Pontevedra desde 2019.

A foto deixada pola enquisa de Gad 3 non garda grandes diferenzas co actual composición da corporación pontevedresa, formada por 11 concelleiros do BNG, 9 do PP, 4 do PSdeG e 1 non adscrito electo polas siglas de Ciudadanos.

A falla de que se confirman a totalidade das candidaturas, a sondaxe de Gad3 só dá presenza na nova corporación a BNG, PP e PSdeG. Vox con 2.8%, Ciudadanos con 1,9% e Unidas Podemos con 1,1% quedaría lonxe de acadar representación.

Comentarios