A UE eleva a 42,5% o obxectivo de consumo de renovábeis para 2030

Estabelécense novas cotas para o sector do transporte, a industria ou os edificios.
Instalación de enerxías renovábeis con aeroxeradores eólicos e placas solares. (Foto: Europa Press)
photo_camera Instalación de enerxías renovábeis con aeroxeradores eólicos e placas solares. (Foto: Europa Press)

Os equipos negociadores do Consello e o Parlamento Europeo pactaron esta quinta feira un acordo político provisional para aumentar a cota de enerxías renovábeis no consumo total de enerxía da Unión Europea do 32% previsto inicialmente a 42,5% para o ano 2030, cun complemento indicativo adicional de 2,5% que permitiría alcanzar 45%, a cifra que defende o Estado español, entre outros.

Trátase dun acordo provisional sobre a nova directiva de enerxías renovábeis que aínda deberá ser referendado por ambas as institucións cuxo obxectivo común, ao que deberá contribuír cada Estado membro, é acelerar a integración das renovábeis en sectores onde a incorporación foi máis lenta, como é o caso do transporte, a industria, os edificios e a calefacción e refrixeración urbanas.

Consello e Parlamento remataron as súas negociacións na que foi a súa oitava reunión logo de que as reclamacións de Francia, que solicitaba un tratamento "diferenciado" entre enerxía nuclear e combustíbeis fósiles na directiva comunitaria, dificultasen aos 27 alcanzar unha posición xeral a nivel de embaixadores que se desbloqueou con base nun compromiso presentado pola presidencia sueca do Consello. "Custou moito", recoñeceu a vicepresidenta terceira española e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que felicitou os equipos negociadores polo acordo alcanzado nunha mensaxe difundida a través do seu perfil en Twitter.

O acordo provisional decreta que a industria deberá incrementar o seu uso de enerxías 'verdes' anualmente en 1,6%, co fin de que até 42% do hidróxeno utilizado na industria proveña de combustíbeis renovábeis para 2030, e 60% para 2035. Porén, para atender as peticións de Francia de recoñecer a nuclear para alcanzar a neutralidade climática en 2050, o acordo introduce a posibilidade de que os Estados membro desconten a contribución do hidróxeno renovábel no uso industrial en 20% se se cumpre a contribución estatal agardada conforme ao obxectivo vinculante da UE, e se a cota de hidróxeno procedente de combustíbeis fósiles consumido no país non supera 23% en 2030 nin 20% en 2035.

No que atinxe ao transporte, dáse a posibilidade aos Estados membro de elixir entre unha redución de 14,5% dos gases de efecto invernadoiro no transporte de cara a 2030 ou de, cando menos, 29% de participación de enerxías renovábeis no consumo final de enerxía no sector para ese ano. Aliás, estabelécese un subobxectivo combinado vinculante de 5,5% para biocombustíbeis avanzados e combustíbeis como hidróxeno renovábel ou sintéticos na cota de enerxías renovábeis do sector do transporte.

O acordo provisional fixa tamén outro obxectivo indicativo dun mínimo de 49% de cota de renovábeis nos edificios en 2030, e prevé un aumento gradual dos obxectivos renovábeis para calefacción e refrixeración, cun incremento vinculante de 0,8% anual a nivel estatal até 2026 e de 1,1% entre 2026 e 2030.

Por último, o texto reforza os criterios de sustentabilidade para o uso de biomasa para enerxía, co fin de reducir o risco de produción de bioenerxía non sostíbel, e inclúe procedementos de autorización acelerados para proxectos de enerxía renovábel.

Comentarios