O BNG chama a "redobrar" a presión contra o veto á pesca e o sector advirte: "Levamos séculos pescando e seguirémolo facendo"

Representantes do BNG reúnense con confrarías galegas e urxen o Goberno estatal a recorrer a medida impulsada pola Comisión Europea.
Reunión de representantes do BNG co sector da pesca. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reunión de representantes do BNG co sector da pesca. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou esta segunda feira a "redobrar" a presión "política, social e institucional" contra a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico nororiental. Aliás, exixiu ao Goberno estatal e ao galego medidas de apoio ao emprego e evitar que se produza o despezamento de buques.

Pontón, xunto ao deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, e a parlamentaria Rosana Pérez, reuniuse con representantes do sector pesqueiro afectado pola prohibición, que entrou en vigor ás 00 horas do pasado domingo, 9 de outubro. Contraria a este "suma e segue a toda unha serie de recortes" que afectan a pesca galega, a nacionalista advertiu de que esta "decisión lesiva" é "moito máis preocupante" ao producirse nun momento "en que o sector estaba a pasar por moitas dificultades", entre outras, polo Brexit.

"Os galegos temos dereito a seguir pescando (...) É o momento de redobrar a presión política, social e institucional. Baixo ningunha circunstancia podemos tirar a toalla", avisou. Para a líder do BNG é "inaceptábel" a resposta da Comisión Europea, que desatende as reclamacións do sector e, ademais, "demostra a fraxilidade" da decisión, que afecta de forma directa 21 portos e 200 buques galegos.

Asegurando así que os pescadores galegos son "os primeiros en defender unha xestión sustentábel", reprobou que "o que fai a Comisión Europea é camiñar nunha decisión en que se quere eliminar a pesca", antes de vinculala cos intereses de lobbies da enerxía.

Ana Pontón chamou neste contexto a xerar unha "gran fronte" de país a modo de reacción, e urxiu "que se formalice canto antes ese recurso" por parte do Goberno español, co que "se pidan medidas como a suspensión cautelar" da norma. Neste sentido, apuntou que se trata dun recurso "que ten un tempo xudicial longo" e o que non é desexábel, dixo, é que "cando dea a razón a xustiza non haxa barcos que poidan ir faenar".

Por último, viu "importante que se acompañe ao sector, non só no ámbito xudicial, senón articulando axudas para que non se destrúa nin un só posto de traballo e que non se permita o despezamento dun só barco".

"Tanto o Estado como a Xunta deben articular medidas que garantan que imos manter a actividade e o emprego", subliñou a portavoz nacional do Bloque. Pontón, Rego e Pérez reuníronse con representantes de Arvi, Federación Nacional de Confrarías, Arpega, OPP 31 PescaGalicia e Opromar, entre outros.

"Seguiremos pescando durante séculos"

Como portavoz na comparecencia ante os xornalistas exerceu Basilio Otero, presidente da federación de confrarías, quen apelou tamén á "unión" para facer fronte á decisión comunitaria. "Levamos pescando desde hai séculos e imos seguir pescando durante séculos", avisou ao comisario, ao que lembrou tamén que o sector é "responsábel" na explotación dos recursos mariños.

Otero criticou que a Comisión agora "deulle ao botón e apagou todo", de modo que "non hai mapas, non hai zonas" e desde o domingo houbo barcos que non largaron as redes a pesar de estar no mar por non dispor da información suficiente para saber onde poden e onde non poden faenar.

Sexa como for, descartou problemas entre buques, mentres representantes da frota presentes no encontro precisaron que os efectos da prohibición veranse "os próximos días", posto que, por exemplo, os barcos do pincho precisan 12 horas para saber "se hai peixe" ou non. Se non o hai, "haberá que moverse" a outras zonas en que faenan outros compañeiros, advertiron.

Por outra parte, sobre a presentación do recuso, lamentaron que o Executivo estatal "xogue cos prazos", xa que pode interpolo até o próximo 17 de novembro. "Seguimos esperando" e "o sector ten unha incerteza durante mes e medio", subliñaron. "Deberían presentalo xa porque é un aviso a navegantes", concluíron.

Comentarios