Eis as chaves do veto á pesca de fondo, após entrar en vigor este domingo

O veto á pesca de fondo imposto pola Comisión Europea entrou en vigor este domingo, entre amplas críticas do sector pesqueiro galego por non basearse en argumentos cientifícos rigorosos e non ter en conta as variábeis socioeconómicas que se verán afectadas. 
Mariñeiros nunha xornada de pesca (Foto: Europa Press).
photo_camera Mariñeiros nunha xornada de pesca (Foto: Europa Press).
  1. Que supón o veto imposto por Bruxelas?
  2. Postura do sector pesqueiro galego
  3. Impacto económico do veto
  4. Xunta e Goberno español, ausentes
  5. CIG e BNG exixen medidas
  6. Mobilización do sector pesqueiro en Ribeira

O pasado 30 de xuño de 2016, a Unión Europea (UE) aprobou o seu Regulamento de Augas Profundas, polo que se prohibía a pesca de fondo en augas comunitarias cunha profundidade maior aos 800 metros, excepto en “ecosistemas mariños vulnerábeis”, nos que esa profundidade estabeleceuse nos 400 metros.

Máis de seis anos despois, a Comisión Europea aprobou fechar o acceso da frota de arrastre a 87 zonas de protexidas en augas comunitarias do Atlántico Nororiental. Unha decisión que entrou en vigor este domingo e que afecta a frota galega que faena no Gran Sol.

Que supón o veto imposto por Bruxelas?

A decisión da Comisión Europea implica prohibir o acceso á pesca de arrastre a unha superficie de 16.419 quilómetros cadrados de reservas para a protección de ecosistemas mariños vulnerábeis por baixo dos 400 metros, o que presenta o 1,16% das augas comunitarias no Atlántico Nororiental.

O veto afecta os buques equipados con artes de fondo como redes de arrastre de fondo, dragas, redes de enmalle de fondo, palangres de fondo, nasas e almadrabas, segundo explicou o Executivo comunitario.

Postura do sector pesqueiro galego

Desde o momento no que se deu a coñecer a decisión da Comisión Europea, o sector pesqueiro galego mostrou o seu malestar e alertou do impacto que pode ter o veto á pesca de fondo na frota do país.

Neste sentido, Torcuato Teixeira, asesor xurídico da Federación nacional de confrarías, explicaba a Nós Diario que o segmento máis afectado directamente pola medida vai ser o da pesca do Gran Sol, "cuns 70 buques que terían que amarrar", mais as consecuencias poden afectar centos de embarcacións máis.

Impacto económico do veto

Segundo os datos expostos pola Consellaría de Mar a finais de setembro, o veto terá un impacto aproximado por persoa duns 24.000 euros anuais, máis de 347,5 millóns de euros para a frota afectada e uns 816 millóns para o conxunto da economía galega.

En termos de profesionais e navíos que se poden ver prexudicados, a Administración galega estima que máis 4.400 tripulantes poden “chegar a verse afectados”. Ademais, a medida repercutirá de forma "directa" na actividade de máis de 200 barcos de capital galego e na actividade de 900 buques de maneira indirecta, "co seu consecuente impacto nas vendas en lonxa, nos salarios das tripulacións e na prestación de bens e servizos".

Xunta e Goberno español, ausentes

A pesar de que a regulamento do veto á pesca de fondo foi aprobado en 2016, nin a Xunta da Galiza nin o Goberno español -primeiro co PP e logo con PSOE e Unidas Podemos- actuaron de maneira decidida para evitar esta situación, critican fontes do sector pesqueiro.

O actual presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, anunciou poucos días despois de que se dese a coñecer o veto que o seu Goberno non recorrería a decisión, senón que apoiaba que fose o Estado español quen presentase este recurso. Neste sentido, Rueda escudou a decisión nunha "cuestión de lexitimidade xurídica" e de "prosperidade do asunto".

Pola súa parte, o Goberno de Pedro Sánchez evitou confirmar até a pasada semana se recorrería o veto á pesca de fondo, cando xa quedaban menos de sete días para a súa entrada en vigor. Ademais, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, confirmou que o Executivo estatal non está a traballar para estabelecer axudas compensatorias mentres o recurso non saia adiante.

O propio Planas foi protagonista a pasada sexta feira, cando asegurou que a Comisión Europea lle comunicara que 41 das 87 áreas restrinxidas inicialmente anunciadas non estarían incluídas no veto á pesca de fondo. Só unhas horas despois deste anuncio, Bruxelas desmentiu o Goberno español e asegurou que non houbo ningún cambio.

CIG e BNG exixen medidas

Tanto a CIG como o BNG levan semanas a exixir medidas, como a suspensión cautelar do veto e o estabelecemento de axudas compensatorias ao sector, co obxectivo de paliar os seus efectos negativos.

Así, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou a articular unha ofensiva "xudicial, institucional e de mobilización" contra o veto de Bruxelas á pesca de fondo en 87 caladoiros do Océano Atlántico. Ao seu entender, esta decisión supón un "duro golpe" para a frota galega e ameaza "millóns de empregos" no país.

En canto ao BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro a pasada semana con representantes do sector pesqueiro, na que reivindicou a necesidade de adoptar estas medida para “salvagardar o emprego”. Tamén exixiu a convocatoria “de inmediato” do Consello galego de pesca.

Mobilización do sector pesqueiro en Ribeira

Este sábado reuníronse nunha concentración en Ribeira máis de 4.000 persoas, implicadas directa ou indirectamente co sector pesqueiro do país, para mostrar o seu rexeitamento ao veto á pesca de fondo.

Durante a protesta interviñeron o presidente da Federación estatal de confrarías, Basilio Otero, o presidente da Federación galega, José Antonio Pérez, e o presidente da Asociación de arrastreiro de Ribeira, Ignacio Vázquez, que mostraron a súa preocupación polo impacto negativo que vai ter a medida, tanto para os mariñeiros e as súas familias como para as zonas costeiras da Galiza.

Comentarios