4.000 persoas mobilízanse en Ribeira en defensa do sector pesqueiro

As rúas de Ribeira foron un clamor en defensa do sector pesqueiro galego. Unha masiva mobilización con presenza de representantes de todo o abano social e  político  percorreu a localidade para rexeitar a decisión da Comisión Europea de expulsar a flota galega de máis de 40 caladoiros comunitarios. O veto a pesca nesas áreas entre en vigor mañá domingo 9 de outubro.

 

Ribeira mani
photo_camera Asistentes a concentración en defensa do sector pesqueiro en Ribeira. (Foto: Nós Diario)

Ribeira é unha das localidades máis afectadas da Galiza polo decisión da Comisión Europea de excluír á flota galega de 46 caladoiros comunitarias. A medida, que tamén ten unha afección moi importante na flota con base en Vigo e nos portos da Mariña, pon en risco máis de 4.000 empregos no mar e a continuidade na actividade de 200 embarcacións. A este respecto, a Xunta de Galiza estima que pode xerar unhas perdas na economía do país de arredor de 816 millóns de euros.

A mobilización reuniu na capital do Barbanza a perto de 4.000 persoas. A maioría deles procedían da propia comarca pero tamén destacou a presenza de mariñeiros chegados do conxunto da Galiza para expresar o seu rexeitamento a medida, entre eles o presidente da Federación estatal de confrarías, Basilio Otero, da Federación galega, José Antonio Pérez e da Asociación de arrastreiro de Ribeira, Ignacio Vázquez. Ao tempo, estivo presente, unha   ampla representación sindical e política, formada , entre outros, polo vicepresidenta da Xunta, Diego Calvo, a conselleira de Pesca, Rosa Quintana, o secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso ou a voceira nacional do BNG, Ana Pontón.

Basilio Otero

Basilio Otero lanzou unha advertencia ao comisario europeo de pesca, encargado de tomar esta decisión, afirmando que "só queremos traballar. Mira ben o que fas”. Na mesma dirección, lembrou que os mariñeiros son "os máis ecoloxistas" e significou que “de que o mar estea ben vivimos non só nós, senón tamén as nosas familias e iso non podemos permitir que nolo saque quen non entende a nosa forma de vivir e de traballar”.

O presidente da Asociación de arrastreiros de Ribeira, Ignacio Vázquez, deixou caer que nos últimos anos apareceron nas zonas nas que traballa a frota galega “outros operadores con intereses enerxéticos” que, engadiu, “teñen un poder de negociación e de financiamento” superior. Neste sentido, fíxose eco da opinión dunha parte do sector que culpa á eólica mariña dos retallos da Comisión Europea á actividade pesqueira.

Ana Pontón

Pontón, que acudiu a marcha acompañada dun ampla delegación da súa organización sinalou que "os gobernos teñen que actuar e de nada vale vir hoxe aquí a esta concentración se a proposta de moratoria non se pon sobre a mesa de maneira formal para evitar a destrución do noso sector pesqueiro".

A dirixente nacionalista chegou a Ribeira após de manter diversos contactos co complexo pesqueiro nas últimas semanas. Precisamente onte, en Celeiro de Viveiro, un dos portos máis golpeados pola resolución europea, indicou que “o sector non precisa escenas de confusión, senón unha defensa clara dos seus intereses ante a Unión Europea, algo que non fixeron nin o Goberno español nin a Xunta”.

Valentín González Formoso

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, instou ao Goberno galego a acudir a Estrasburgo a dicirlle ao comisario de Pesca que o veto á frota de fondo é "un atropelo" para Galiza.

O líder socialista trasladou os seus parabéns ao Goberno do Estado por recorrer a decisión como “unha primeira batalla xudicial” que “ten moito percorrido xurídico por diante”. Neste sentido, acusou ao comisario europeo de “ir por libre” e de saltarse o procedemento, non escoitou ao sector, non respectou ao Consello Europeo de Ministros e non cumpriu a normativa comunitaria ao non incorporar ao expediente un estudo do impacto socioeconómico da medida".

Paulo Carril

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou desde a manifestación que  "se dea resposta ao clamor unánime da sociedade galega contra esta decisión da Comisión Europea e, no seu caso, se aproben compensacións para todos os afectados, impedindo que esta imposición de cese de actividade nos leve, antes ou despois, ao desguace da nosa flota, mentres non chegan os resultados da presentación dos recursos de anulación contra esta decisión da Comisión".

Carril afirmou que o  Ministerio de Pesca e a Consellaría do Mar "xa están tardando en tomar a iniciativa para a constitución dunha Mesa Única na que estean representadas todas as Administracións, os sindicatos e as asociacións de armadores para abordar toda esta situación; na coordinación dos recursos legais a interpor; nas medidas suspensivas a reclamar para paralizar a aplicación deste veto; nas medidas políticas e institucionais que os Gobernos deberán demandar ante a UE, pero especialmente en como afrontar todo o tempo que temos por diante até non conseguir deixar sen efecto  o veto á nosa pesca".

Comentarios