O BNG reclama impulsar un plan de saúde mental na educación

O deputado do BNG Manuel Lourenzo critica que non exista nin sequera un diagnóstico da situación que permita abordar a problemática da saúde mental no ensino.
Manuel Lourenzo, portavoz de Educación BNG
photo_camera Manuel Lourenzo, portavoz de Educación do BNG (Foto: Nós Diario).

“Os problemas de saúde mental, que xa estaban aquí de antes, están a rexistrar un incremento exponencial segundo denuncia a propia comunidade educativa”, subliñou onte o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Manuel Lourenzo, que incidiu en que isto é xerado por “cuestións estruturais do sistema que se agravaron co contexto pandémico e agora co bélico”. 

Para enfrontar a situación, Lourenzo reclamou á Xunta que desenvolva e poña en marcha un plan de atención á saúde mental no ámbito do ensino, que permita resolver o que hoxe é “unha materia pendente” no sistema educativo galego.

Nesa liña, o deputado cuestionou que non exista nin un estudo de referencia que poida achegar “unha fotografía obxectiva de cal é a realidade da saúde mental no noso sistema educativo”.

Non se pode abordar ningunha solución, destacou, se non sabemos a porcentaxe de alumnado que toma psicofármacos, as patoloxías que padecen ou os efectos secundarios que poden provocar estes medicamentos. Estas doenzas provocan “medo, falta de control sobre a súa propia vida, sensación de vulnerabilidade, frustración e incomodidade dentro do que é a propia relación nas aulas”, nunha problemática que, reiterou, non se resolve unicamente na escola.

Montes en man común

Ademais, a parlamentaria nacionalista María Albert, criticou a decisión do PP de votar en contra da proposición non de lei do BNG para mellorar a nova Lei de Montes veciñais en man común, que procuraba recoller “as demandas do sector”.

Esta proposta, apuntou, permitiría blindar as entidades de montes en man común despois da denuncia da Organización Galega de Comunidades de Montes por un intento de ilegalización por parte da Xunta, un ataque “sen cuartel e con obxectivos pouco confesábeis  que o Partido Popular está a facer por terra, mar e aire contra as Comunidades de Montes do noso país”, afirmou Albert.

Xa no Congreso, o lexislador do BNG, Néstor Rego, anunciou unha serie de iniciativas para que o Estado atendas as demandas da veciñanza de Gondomar polos problemas de Internet, rexeitadas por estar en lingua galega, tras ser redirixidas á Administración estatal desde o Instituto Galego de Consumo.

Comentarios