O BNG pide "non normalizar" a demora de até 15 días na Atención Primaria e cualifica de "timba" a venda de Povisa

Aliás, desde o PSdeG afean que a Xunta dedicase os 'fondos Covid' a "cadrar contas" e non a "reforzar a asistencia sanitaria".
Os cadros de persoal están reducidos á metade en boa parte dos centros de saúde da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera A situación actual derívase "dunha cuestión ideolóxica, consciente e planificada", lamentan desde o BNG. (Foto: Nós Diario)

As forzas da oposición no Parlamento da Galiza volveron denunciar esta segunda feira as eivas no sistema sanitario público da Galiza. Por unha parte, o viceportavoz do BNG Manuel Lourenzo censurou que este "colapso" é padecido "de punta a punta do país" e, neste sentido, puxo como exemplo que este domingo no centro de saúde de Ribadeo había un só equipo médico para atender unha poboación de máis de 14.000 persoas.

Nesta mesma liña, situou a realidade concreta da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés como "o quilómetro 0 deste desastre", xa que "algúns PAC que incrementan moitísimo a súa poboación, como Vilagarcía ou Sanxenxo, quedan ao descuberto sistematicamente".

"Chegamos a ter que aguantar a indecencia de que o PAC de Vilagarcía deixou sen atención sanitaria a 40.000 persoas. É unha situación que traspasa todas as liñas vermellas", censurou o deputado.

Aliás, Manuel Lourenzo tamén quixo rexeitar que se pretenda "naturalizar" que as persoas que soliciten cita en atención primaria "teñan que esperar entre 10 ou 15 días" ou que "aparezan para unha urxencia e lles digan que non hai médicos".

Ante esta situación pediu "non resignarse a velo como normal". Ademais, manifestou que non se chegou a este punto "por ciencia infusa", senón por unha cuestión "ideolóxica, consciente e planificada". Para Lourenzo, esta conxuntura chega "despois de máis dunha década de desmantelamento de estruturas directivas, da atención primaria, de contratos precarios e de negativa de incorporar novos profesionais", así como de "xubilacións que non se cubrían a pesar de que no Parlamento xa se insistira en que se non se cubrían se chegaría a esta situación".

Povisa, unha 'timba'

Por outra parte, o deputado nacionalista cualificou de "gran 'timba' dos lobbies da sanidade privada" a compra do Hospital Povisa de Vigo polo grupo privado sanitario francés Vivalto Santé. Ao xuízo de Lourenzo, converteron a asistencia sanitaria a "130.000 persoas de Vigo e 1.400 postos de traballo nunha 'timba' e un negocio para as multinacionais".

"Todo isto tres anos despois de que foran vendidos a un fondo norteamericano e todo isto despois de que os galegos inxectásemos 24 millóns de euros neste hospital para sanealo. Non podemos asumir isto como unha normalidade", insistiu.

O PSdeG afea o uso dos 'fondos Covid' para "cadrar contas"

Noutra orde, a viceportavoz do grupo socialista na Cámara, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou esta segunda feira que a Xunta deixou sen executar máis de 200 millóns de euros dos 'fondos Covid', que se acabaron destinando a "cadrar contas" e amortizar a débeda pública xerada, no canto de reforzar a asistencia sanitaria nos peores momentos vividos durante a pandemia.

A representante socialista subliñou que, segundo Contas, se gastaron un total de 517 millóns de euros extra en sanidade no país, malia que o Estado enviou 735 millóns. Coa conxuntura existente en 2020, a deputada socialista non entende que non se destinara "cada euro" a mellorar a atención sanitaria, con "decenas de persoas morrendo diariamente" nas UCI pola Covid ou nas residencias de maiores.

A deputada recordou que cando o Estado asinou os acordos para o reparto dos 'fondos Covid', o daquela presidente da Xunta e agora líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, criticaba todas as medidas adoptadas polo Goberno español e chegou a cualificar o pacto sobre os recursos adicionais como "político, non sanitario".

Comentarios