O comité de Povisa culpa a Xunta da venda dos hospitais: "Estamos indignados, non merecemos este trato"

O persoal decatouse da operación pola prensa malia que as negociacións principiaron hai un ano. "E mentres estamos a dobrar quendas todos os días e deixar a pel", lamentan.
Rolda de prensa do comité, esta cuarta feira. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa do comité, esta cuarta feira. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

O comité de empresa do hospital Povisa de Vigo culpou esta cuarta feira a Xunta da Galiza da venda do grupo sanitario Ribera á compañía francesa Vivalto Santé, logo de que o persoal soubese pola prensa de tal operación: "Non merecemos este trato".

Así o sinalou en rolda de prensa Chus Neira, presidenta do comité, quen expresou o malestar e a sorpresa das e dos traballadores ao coñeceren dita noticia sen saberen que as negociacións comezaran un ano atrás.

"Isto é un hospital e a Consellaría de Sanidade ten moito que dicir e non dixo nada de nada. Foi culpábel de que se permitise a venda a Ribera e agora tamén é culpábel. Non imos permitir que sigan minguando as nosas condicións laborais. É unha falta de respecto aos traballadores", criticaron desde o comité de empresa de Povisa, asegurando que a Xunta "xamais defendeu os traballadores do hospital nin as persoas usuarias".

Neste senso, anunciaron que xa solicitaron unha reunión coa Consellaría e que esta mesma quinta feira terán un encontro con representantes de PSOE e BNG.

Todo iso despois de coñecerse esta pasada segunda feira a saída da multinacional americana Centene Corporation do accionariado do grupo Ribera, para deixar paso á entrada de Vivalto Santé, o terceiro grupo privado sanitario francés. A empresa explicou que esta variación se produce a nivel do holding europeo de Centene, Primero Salud S.A., "e en nada afecta a xestión dos centros sanitarios nin a outras sociedades ou divisións do grupo en ningún sentido".

"A pesar de como se fixeron as cousas, agora [a empresa] quere aclarar que non vai pasar absolutamente nada. Por que no seu momento non se puxo en coñecemento do comité [a operación], evitando incerteza e malestar xeral? Non nos cremos que non vaia pasar nada. Somos conscientes de que cando hai un cambio de mans os que sempre saen prexudicados son os traballadores", lamentou Neira.

"Estamos indignados, alucinados. Os traballadores e os usuarios non  merecemos o trato que se nos está a dar", engadiu Neira, e falou da situación que viven os empregados e empregadas do hospital, "que están a dobrar quendas todos os días e deixando a pel".

Para ela, os traballadores non poden ser unha "mercadoría para empresas privadas que o único que fan é lucrarse á conta da saúde dos usuarios e dos empregados e as súas condicións laborais". A pesar de todo, Neira indicou que desde o comité seguirán negociando un novo convenio colectivo, após anos sen chegar a un acordo coa dirección.

Comentarios