28-M

BNG e PSdeG acadan un acordo de goberno no Concello de Barro

O Executivo local estará formado por cinco edís do BNG e tres do PSdeG

Xosé Manuel Fernández Abraldes e José Sanmartín Soto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Manuel Fernández Abraldes e José Sanmartín Soto. (Foto: Nós Diario)

Representantes do BNG e do PSdeG en Barro (comarca de Pontevedra) mantiveron ao longo das últimas semanas conversas para definir as “prioridades e obxectivos” do futuro Goberno municipal e para configurar a súa estrutura de cara ao mandato 2023-27.

O resultado das pasadas eleccións locais do 28 de maio deixou as forzas de esquerda nun total de oito concelleiros e concelleiras, dun total de once. Tendo en conta isto, ambas as dúas formacións, unha vez que o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes foi investido como alcalde, tiñan claro que “esta era unha oportunidade histórica que había que aproveitar”.

Así, o novo Goberno municipal marcou como obxectivo principal “traballar de maneira cohesionada para levar a cabo políticas que sigan mellorando a vida da veciñanza e que permitan mellorar e ampliar os servizos municipais”.

Reparto de áreas

O Goberno de barro estará composto polos cinco concelleiros e concelleiras do BNG e polos tres do PSdeG. Abraldes delegará as competencias de Medio ambiente, Promoción económica e Emprego, Cultura e Patrimonio, Servizos sociais e Sanidade, e Accesos a núcleos, Seguridade viaria, Humanizacións, Medio rural, Normalización Lingüística, Deporte e Xuventude nos edís nacionalistas.

Pola súa parte, o PSdeG ocuparase de Obras e servizos, Igualdade, Benestar, Educación e Mulleres, e Festas parroquiais, Participación veciñal, Turismo e Feira.

O Alcalde manterá o seu salario en réxime de dedicación exclusiva, e haberá en Barro unha asignación económica en réxime de dedicación parcial para o primeiro tenente de alcalde, o socialista José Sanmartín Soto, que ascenderá a 17.000 euros anuais.

Tanto Abraldes como Soto mostráronse “moi satisfeitos” polo acordo acadado no Concello de Barro e comprometéronse a “traballar arreo para que Barro avance e sexa cada vez mellor un lugar para vivir e traballar”.

Comentarios