Xuntos, a escisión do PP, ofrece a Alcaldía de Barro ao PSOE para evitar un novo goberno do BNG

O nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes foi o candidato máis votado e ficou a un escano de reeditar a maioría absoluta de 2019.
José Antonio Landín, ex alcalde de Barro, é un dos tres concelleiros que solicitaron a baixa do grupo popular.
photo_camera José Antonio Landín, ex alcalde de Barro co PP. (Foto: Nós Diario)

O líder de Xuntos por Barro, José Antonio Landín, ex alcalde deste municipio da comarca de Pontevedra baixo as siglas do PP durante 32 anos, tan só interrompidos pola súa inhabilitación —cando exerceu de alcaldesa a súa muller—, vén de ofrecer a Alcaldía ao candidato do PSOE, José Sanmartín, que ficou en segunda posición nos comicios do pasado domingo.

A do BNG foi a lista máis votada e obtivo 5 escanos, a falta de só un para reeditar a maioría absoluta conseguida en 2019, seguida da dos socialistas (3), Xuntos por Barro (2) e o PP (1). As negociacións para formar goberno no concello pontevedrés preséntanse complicadas para Xosé Manuel Fernández Abraldes, candidato do BNG que aspira a revalidar a Alcaldía e que busca "que goberne a lista máis votada".

Malia gañar as últimas eleccións, os nacionalistas deberán contar co apoio do PSOE, que medrou en representación pasando de un a tres edís, razón pola que o líder socialista pretende ser o próximo alcalde, tal e como trasladou a Executiva local da formación socialista.

Pola súa parte, o Partido Popular conseguiu un concelleiro nas eleccións do 28 de maio, mentres que a escisión dos conservadores, Xuntos por Barro, logrou dúas actas que agora quere facer valer nesta negociación para formar goberno.

Neste contexto, o líder de Xuntos Por Barro mostrouse aberto a negociar cos socialistas, cos que, segundo apuntou, coinciden "en varios puntos", rexeitando rotundamente falar co BNG, aínda que nestas cábalas lembra que tamén é necesario contar co voto do PP para decantar a investidura.

Fontes do PSdeG de Barro, porén, rexeitan que se vaia pactar coas forzas da dereita, mais insisten na posibilidade de que José Sanmartín presente a súa candidatura igualmente por se os outros grupos —XpB e PP— avogan por apoialo para afastar o actual rexedor nacionalista da Alcaldía.

Comentarios