BNG propón a retirada do busto de Juan Carlos I da Praza do Concello de Vigo

“O comportamento do monarca emérito merece do reproche e da censura social”, argumentan as nacionalistas.

Vigo [Imaxe: Cedida]
photo_camera Vigo [Imaxe: Cedida]

O BNG de Vigo propón a retirada do busto do rei emérito que está instalado na entrada principal da casa consistorial de Vigo e preside a Praza do Concello. Unha petición que fan o día despois dunha cazolada contra a monarquía que tamén se deixou sentir na cidade e no momento no que Juan Carlos I vese envolto nun novo escándalo, cos millóns de euros procedentes de Arabia Saudita.

“Desde o BNG entendemos que ese comportamento por parte do monarca emérito merece do reproche e da censura social” polo que defenden que diante destes “comportamentos corruptos e inmorais” cómpre un reproche público e institucional por parte do Concello de Vigo, afirmou o concelleiro da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas. 

Para Igrexas este escándalo “pon en evidencia claros indicios de corrupción institucional e de negocios irregulares e ilegais por parte da persoa que ostentou durante moitos anos a xefatura do Estado español” e criticou a incapacidade da Casa Real de “ofrecer unha explicación razoábel e completa e de colaboraren de maneira activa para que se depuren até o final as responsabilidades legais correspondentes”. 

Comentarios