O BNG propón un acordo para garantir a chegada de fondos a Galiza

A Cámara galega votará na cuarta feira, 7 de outubro, a proposta presentada polo BNG na que insta os grupos parlamentares a elaborar e acordar unha posición de país para que a Galiza non fique marxinada no reparto polo Estado dos fondos europeos para a recuperación da Covid-19.
A deputada do BNG, Noa Presas, no pleno do Parlamento.
photo_camera A deputada do BNG, Noa Presas, no pleno do Parlamento.

A Cámara galega pronunciarase na cuarta feira, 7 de outubro, sobre a proposta que presentou o BNG na que insta os grupos parlamentares a elaborar e acordar unha posición de país que a Xunta logo defendería ante o Estado no marco das negociacións sobre a distribución dos fondos europeos para a recuperación da Covid-19.

A deputada nacionalista Noa Presas sinalou que esta proposta busca "fortalecer" a capacidade de decisión da Galiza a respecto do reparto de fondos que o Estado fará entre as comunidades. Presas lembrou que dos 750.000 millóns acordados o pasado mes de xullo pola Unión Europea para a loita contra a crise da Covid-19, ao Estado español corresponden uns 140.000 millóns. "O noso país, que xa sofre a deficiente xestión e uso de fondos europeos por parte dos sucesivos gobernos de Feixoo e as consecuencias de décadas de falta de capacidade de decisión sobre diversos fondos económicos, necesita que este novo escenario non prexudique outra vez os intereses galegos", indicou Presas. 

A iniciativa nacionalista contou con emendas do PSdeG e do PP. Os socialistas pediron substituír o texto por outro a través do que se enxalzase o papel da Unión Europa e o labor do Goberno estatal. O PP xa avanzou a posición contraria do seu grupo a esta iniciativa polo que previsibelmente non sairá adiante.

O PP rexeita reactivar o servizo presencial nas consultas sanitarias

A deputada do BNG Montse Prado defendeu no Parlamento realizar "de inmediato as accións precisas para activar as consultas presenciais na Atención Primaria para responder as demandas derivadas da Covid-19 e do resto de patoloxías e para rematar coas listas de espera". A moción non saíu adiante ao contar cos votos a favor de BNG e PSdeG e o 'non' do PP, que propuxo optar cara a un modelo mixto presencial-non presencial. 

O PSdeG reclama un grande acordo polo turismo con axudas directas

A portavoz de Turismo do grupo parlamentar do PSdeG, Leticia Gallego, presentou unha proposición non de lei na Cámara para reclamar ao Goberno galego un acordo marco para o turismo de forma que “este sector sexa considerado prioritario e conte con axudas directas”. A socialista urxiu a Xunta a buscar acordos con concellos, axentes sociais, sindicatos e asociacións empresariais para recuperar o carácter “estratéxico” do sector. A parlamentaria criticou ademais “o fracaso” do plan de reactivación aprobado pola Xunta na pandemia, xa que "non está á altura" das necesidades do turismo e resulta "insuficiente".

Galiza, á cola do Estado en vivenda protexida

Galiza é a segunda comunidade que menos vivenda protexida fixo na última década,  denunciou na Cámara o viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena. Porén, o país posúe o maior parque de vivendas baleiras, dixo, ao tempo que "acusou a Xunta de fechar a pasada lexislatura coa menor promoción pública de vivenda desde que hai rexistros históricos, en 40 anos de democracia". O socialista censurou que ao PP “non lle pareza un problema que haxa 300.000 vivendas baleiras, pero sinalen os okupas como principal perigo "até o punto de que ten que vir o presidente do TSXG a dicir que é un problema ficticio”. 

Aliás, o BNG emprazou a Xunta a crear vivenda protexida, pois "hai 15.000 persoas solicitantes rexistradas", dixo a deputada nacionalista Alexandra Fernández.

Comentarios