mércores 15.07.2020

O BNG promete unha "valeduría da igualdade" e leis galegas de familias monoparentais e de identidade de xénero

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou este domingo que o programa da formación nacionalista de cara ás eleccións  do 5 de abril incluirá a redacción dunha nova lei galega de igualdade e unha "valeduría" destinada a "combater calquera tipo de discriminación contra as mulleres".

 

Pontón, nun acto en Compostela este domingo polo 8 de marzo
Pontón, nun acto en Compostela este domingo polo 8 de marzo
No marco dun encontro en Compostela para celebrar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, a candidata polo BNG á presidencia da Xunta comprometeuse a adoptar medidas que inclúen unha nova lei que "recoñeza e apoie" as familias monoparentais,  "a maioría delas" están encabezadas por unha muller, e unha norma de identidade de xénero que conte "coa participación do colectivo transexual".

"O feminismo non é unha declaración de intencións, non é unha palabra baleira, non é un lazo lila que pór na solapa cada 8 de marzo. O feminismo tense que traducir en feitos concretos, en políticas concretas", incidiu Pontón.

Neste contexto, deslizou unha batería de iniciativas que incluirá no seu programa, como unha nova lei de igualdade "adaptada á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista", así como esa "valeduría da igualdade" con "capacidade para sancionar administrativamente as empresas cando cometan discriminación salarial ou profesional por cuestión de xénero".

A candidata nacionalista avogou ademais por adoptar un "plan de visibilización e dignificación dos coidados" que avance cara a "unha distribución equitativa" destes labores entre homes e mulleres, ademais de medidas que "impulsen" a participación de mulleres "en espazos de decisión". "Especialmente as mulleres migrantes, racializadas e transexuais por sufrir duplicidade na discriminación", apuntou

O BNG, segundo a súa portavoz nacional, eliminará a dotación de fondos públicos non só a aqueles centros educativos que segreguen por sexos, senón tamén a actividades e eventos "nos que se faga apoloxía da cultura machista ou se reproduzan estereotipos patriarcais".

A través destas propostas anunciadas este 8 de marzo, Pontón mostrou o seu pleno apoio ao movemento feminista galego ante "a máis que necesaria e revolucionaria transformación social", que subliña algo "tan simple" como que as mulleres son "seres humanos completos, non a media laranxa de ninguén". "Somos seres libres, autónomos, con todos os dereitos e as mesmas oportunidades", reivindicou.

Cos coidados "no centro da vida", que é a temática deste 8-M, Pontón considerou que esa debe ser a "prioridade" dunha nova "forma de facer política". "E ninguén pode encarnar mellor esta forma de entender a política que mulleres feministas e nacionalistas", afirmou.

O voto da "extrema dereita" ao que aspira Feixoo

Na súa comparecencia pública, Pontón criticou tamén que o actual presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feixoo, pida o voto "á extrema dereita", tal e como se desprende das súas declaracións recentes. "Non é só que electoralmente lle interese, senón que tamén coinciden ideoloxicamente", sinalou Pontón, quen posteriormente lembrou que as "primeiras medidas" que adoptou Feixoo hai 11 anos foron "moi similares ás que tomou en Andalucía ese Goberno cavernícola" de PP e Ciudadanos --co apoio parlamentario de Vox--.

"O que simboliza esa extrema dereita é unha forza antigalega, machista, racista, que é un perigo para a democracia" e que "até hai moi pouco" estaba "camuflada dentro do Partido Popular", sentenciou a líder do BNG. 

comentarios