O BNG pide suspender as eleccións na Mariña

O Bloque critica a "improvisación" e a "irresponsabilidade" do presidente da Xunta ante "unha cuestión de saúde pública", e demanda "concentrar os esforzos en atallar o rebrote e darlle á veciñanza a oportunidade de votar coas máximas garantías sanitarias".

Ana Pontón
photo_camera A candidata do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón (Foto: Nós Diario).

O BNG, tras unha reunión de urxencia da súa Executiva nacional, pide a suspensión das eleccións na comarca da Mariña ante a dimensión do rebrote da COVID19 con un cento de persoas contaxiadas polo virus e máis de 600 confinadas, nun contexto ademais no que "falta un protocolo de actuación por parte do Goberno da Xunta, un plan de actuación que determine con meridiana claridade que pasos dar, que medidas tomar, que medios mobilizar ou cal debe ser a cadea de mando".

Nestas circunstancias, o Bloque considera que a única prioridade ten que ser "a saúde das persoas, atallar o rebrote e minimizar as súas consecuencias, e que non se lle pode someter á veciñanza da comarca ao dilema de escoller entre a preservación da súa saúde no medio dun rebrote da pandemia e o seu dereito ao voto". "Por contra, a veciñanza da Mariña ten dereito a poder exercer o voto coas máximas garantías de seguridade sanitaria que, a xuízo do Bloque, non se dan cando apenas faltan seis días para a cita coas urnas", din.

A formación que lidera Ana Pontón considera que, controlado e superado o rebrote, será momento de buscar a fórmula máis acaída para que a cidadanía da Mariña poda exercer o seu dereito ao voto "con todas as garantías tanto democráticas como sanitarias".

O BNG denuncia "a improvisación e a irresponsabilidade" coa que ten actuado desde o inicio deste rebrote o presidente da Xunta e candidato do PP, "primeiro tentando minimizar o problema e despois tentando eludir a súa responsabilidade nos concellos". "De feito, a día de hoxe, Galiza segue se ter un protocolo de actuación para afrontar un rebrote, que o BNG leva semanas reclamando", conclúe a formación nacionalista.

Comentarios