O BNG pide a comparecencia de Quinana para que dea conta das negociacións do Brexit

A formación nacionalista quere que a conselleira do Mar explique que fixo o Goberno galego para evitar que a pesca fose moeda de cambio nas negociacións co Reino Unido
A conselleira do Mar, Rosa Quintana (Foto: Xunta / Xoán Crespo).
photo_camera A conselleira do Mar, Rosa Quintana (Foto: Xunta / Xoán Crespo).

Após coñecerse o acordo entre Bruxelas e Londres en materia comercial e as duras consecuencias que vai ter no sector pesqueiro galego, a deputada do BNG Rosana Pérez solicitou hoxe a comparecencia "urxente" en sede parlamentaria da conselleira do Mar, Rosa Quintana, para explicar o contido das negociacións da Comisión Europea co Reino Unido no marco do Brexit.

"Dados os resultados, queremos saber que se fixo e que non se fixo desde o Goberno galego e por que a pesca galega volve ser unha moeda de cambio", sinala nun comunicado a deputada, á vez que critica que "non se teñan en conta" os intereses da Galiza nin dos seus principais sectores económicos.

Na mesma liña, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, pronúnciase respecto diso e anuncia que os seus socios na Eurocámara, no grupo Alianza Libre Europea, presentarán iniciativas de cara á votación do acordo para introducir "compensacións e melloras" nas condicións de acceso aos caladoiros por parte da flota galega.

Neste contexto, o BNG lamenta a redución de 25% das cotas até 2026 e responsabiliza tanto a Xunta como ao Goberno estatal de "deixar tirado ao sector pesqueiro galego" durante as negociacións.

"Desde 2018 vimos alertando das consecuencias para Galiza da saída do Reino Unido da UE cun acordo que deixa á pesca no último lugar e, lamentabelmente, estanse a cumprirse os peores presaxios", sinala Miranda.

Comentarios