O BNG pedirá a acta de concelleiro a Juan Canal, que substitúe a Calviño no concello de Toén

O edil incorporouse á equipa municipal após a demisión de David Fernández Calviño o pasado mes de setembro. Desde o BNG exixen que entregue o seu escano á organización coa que concorreu ás eleccións municipais após defenderen desde Anova que as actas corresponden "ás forzas políticas e non @s deputad@s".

O aínda deputado de Alternativa Galega de Esquerda, David Fernández Calviño, presentou a súa demisión como edil en Toén o pasado mes de setembro, un mes antes de se coñecer que abandonaría tamén o Parlamento galego após aceptar un posto de traballo como investigador en Dinamarca. O seu substituto, Juan Canal Rodríguez, tomou posesión xa como membro da corporación municipal. 

A organización frontista ve "unha incongruencia" no comportamento de Anova

Desde o Bloque, exíxenlle que presente a súa demisión e devolva a acta de concelleiro ao entenderen que, como Calviño, foi eleito na listaxe electoral presentada pola organización frontista nas municipais de 2011 e pasou a se integrar como "non adscrito" logo da escisión post-Amio. 

Neste senso, desde o BNG coidan que defender "que os escanos son das organizacións e non das persoas" no Parlamento --como manifestaron desde Anova após estourar a crise polo escano de David Calviño-- mais "non nos concellos" é "unha enorme incongruencia", sinalou Ana Pontón. 

No entanto, desde Anova aseguran que non é así pois, ao seu xuízo, non estamos perante un caso de "transfuguismo", senón das consecuencias dun proceso de escisión, o que levou á forza liderada por Beiras a abandonar o BNG.

Comentarios