O BNG de Ourense denuncia a Xácome por falsidade documental pola multa do seu coche en Vigo

Todos os partidos consideran delitivos os audios nos que o alcalde de Ourense pide a dous traballadores municipais que asuman a sanción.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Tras saír publicados os audios nos que o rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, trata de convencer a dous responsábeis municipais para que asuman o pagamento da multa que recibiu en Vigo o coche que utiliza habitualmente, a deputada do BNG Noa Presas, o deputado Iago Tabarés e o portavoz e candidato municipal nacionalista Luís Seara, acudiron este sábado aos Xulgados de garda Ourense para presentar un escrito ante Fiscalía no que reclaman que se investigue a posible comisión de delitos derivados destes audios.

"Os audios revelan uns feitos presuntamente delituosos, motivo polo cal vimos de presentar unha denuncia no xulgado de Garda", di Luís Seara, que engade que "toda a sociedade de Ourense coñecía" que aquela "noite de autos" o coche oficial do concello "era conducido por Gonzalo Pérez Xácome".

Seara considera que, polo menos, podería tratarse de "un delito de falsidade documental", e mesmo dun de "malversación", ao tempo que acusou a Xácome de "mentir" tamén no pleno cando os grupos lle preguntaron por este asunto.

Máis aló foron os socialistas, que reclaman que o alcalde "dea explicacións" polos presuntos delitos "de coacción ao funcionariado, suplantación de identidade, falsidade documental e malversación de caudais públicos". 

 

A portavoz socialista en Ourense, Natalia González, acusou a Xácome de "entender o goberno como unha empresa privada para facer negocio" e reclamou información sobre o que pasa cos vehículos "que pagan todos os ourensáns". "Consideramos que, neste momento, temos que respectar o traballo da Xustiza, pero entendemos que é un problema que debe de ser investigado por tratarse dun uso indebido de recursos públicos con fins particulares", engadiu.

Desde Podemos, Toño Naval, candidato por Agora Ourense, reclamou tamén a dimisión de Xácome. "Non pode seguir nin un segundo máis á fronte da alcaldía de Ourense", dixo, após considerar que estes feitos son "moi graves".

"Desde o minuto un, a conduta de Xácome vén sendo impropia dunha institución como é o Concello de Ourense, pero hoxe confirmamos que, ademais, actúa como trileiro, tentando enganar á cidadanía, primeiro empregando unha táctica mafiosa con dous funcionarios e logo endosándolle a multa a un amigo", criticou Toño Naval.

Comentarios