Piden a Fiscalía que investigue uns audios nos que Xácome propón a dous funcionarios que asuman a multa de Vigo

Nas gravacións, o alcalde propón a estes funcionarios que digan que conducían eles e que estaban na cidade olívica para un congreso de tecnoloxía, algo ao que se opoñen, alegando que "vai saír o seu nomer" e que "lles van ir enriba".
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Podemos Ourense e o BNG reclamaron que se tomen medidas tras escoitar uns audios nos que o rexedor ourensán, Gonzálo Pérez Xácome, pide a dous responsables municipais o pagamento da multa que recibiu en Vigo o coche que utiliza habitualmente o alcalde e da que, esta sexta feira, o propio Xácome responsabilizou a outro traballador.

En concreto, o xornal La Región avanzou estas gravacións, nas que o alcalde propón a estes funcionarios que digan que conducían eles e que estaban na cidade olívica para un congreso de tecnoloxía, algo ao que se opoñen, alegando que "vai saír o seu nomer" e que "lles van ir enriba".

"É un rollo electoral. O que non pode ser é que me pillen a min. Con iso perdo votos", recolle La Región en relación a esta multa, cuxos 1.200 euros xa estaban abonados, pero na que se solicitaba que se identificase o condutor.

 

Atribuíuna a outro traballador

Tras coñecer a existencia desta multa, o alcalde de Ourense, no pleno desta sexta feira, asegurou que o condutor era outro funcionario do concello e que viaxaba a Vigo "por unha causa xustificada".

A multa foi imposta o 3 de setembro de 2022, un sábado, cando sobre as dez da noite o vehículo oficial do Concello de Ourense foi cazado por un radar fixo, nas inmediacións de Samil, a 88 km/hora, nunha zona limitada a cincuenta.

A multa ascendía inicialmente a 400 euros, pero incrementouse até os 1.200 ao non identificar o condutor até o pasado mes de abril. Non obstante, segundo adianta La Región, o Concello de Vigo emitiu unha resolución na que daba conta das alegacións nas que se identificaba o condutor. Tras isto, deixaron a sanción en 400 euros, 200 por pronto pago, e a retirada de catro puntos do carné.

A deputada do BNG Noa Presas, o deputado Iago Tabarés e o portavoz e candidato municipal nacionalista Luís Seara, acudiron este sábado aos Xulgados de Ourense para presentar ante a Fiscalía un escrito no que reclaman a posíbel comisión de delitos derivados a partir destes audios.

Desde Podemos, Toño Naval, candidato de Agora Ourense, reclamou a dimisión de Xácome. "Non pode seguir un segundo máis á fronte da alcaldía de Ourense", afirmou, tras considerar que estes feitos son "moi graves".

 

Comentarios