BNG exixe ao Goberno español “pasar das promesas aos feitos” e derrogar as reformas laborais

A organización nacionalista recolle a proposta da CIG para recuperar de forma inmediata a normativa anterior ás reformas de PSOE e PP.

Nestor rego e Paulo carril
photo_camera Néstor Rego e Paulo Carril

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, mantiveron unha reunión de traballo nesta terza feira e avanzaron unha iniciativa no Congreso para que o Goberno do Estado derrogue “de maneira inmediatas” as reformas laborais dos anos 2010, 2011 e 2012.

Ambas as dúas organizacións inciden nas “consecuencias negativas” para os traballadores e traballadoras da aplicación da actual normativa neste contexto de crise e por iso defenden que, “en tanto no sexa aprobada unha nova lexislación que permita avanzar en dereitos”,  sexa recuperada a normativa anterior ao ano 2010.

"As últimas reformas laborais promovidas, durante os anos 2010, 2011 e 2012, por gobernos do PSOE e PP afondaron na liña neoliberal de individualización e desregulación das relacións laborais. O obxectivo destas reformas foi restar dereitos ao traballadores e traballadoras e derivou en aumento da pobreza e da precariedade laboral" sinala Néstor Rego.

O deputado do BNG enfatiza a necesidade de "actuar de maneira inmediata para frear esta situación que estamos a vivir por decisións unilaterais da Patronal e sen control ningún por parte das Administracións Públicas".

Rego avanzou que a formación nacionalista trasladará ao Congreso a proposta da Confederación Intersindical Galega, por medio dunha Proposición Non de Lei, para a derrogación inmediata de todas as reformas laborais.

Pola súa parte, o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, agradeceu ao BNG a disposición a trasladar ao Congreso esta proposta da central nacionalista, que considera urxente na medida en que "na actual crise derivada da pandemia a vixencia e aplicación desta regresiva lexislación constitúe unha auténtica ameaza para o mantemento do emprego e dunha mínimas condicións salariais e laborais dignas.

"O diálogo social tense convertido no enterrador dos dereitos laborais e de calquera expectativa de que significase unha dignificación do posto de traballo. Ese mesmo diálogo social do que tanto se fala na actualidade está a contribuír a un empeoramento das condicións de traballo e a reducir o salario da clase traballadora" destaca Paulo Carril.

"As actuacións políticas están sendo moi lentas e, pola contra, a patronal está sendo moi rápida coa aplicación de ERE e ERTE", aponta o Secretario Xeral da CIG mentres insiste na necesidade de derrogar as Reformas Laborais que contribuíron ao empobrecemento xeral das maiorías sociais.

Comentarios