O desemprego aumentou 14,69% en 2020 e certifica a crise económica

Os datos da situación laboral que deixou o pasado 2020 sitúan Galiza nos peores momentos da anterior crise económica. Sindicatos e autónomos e autónomas reclaman a continuidade dos ERTE e das axudas, ademais dun plan de recuperación que vaia máis alá da promoción turística a través do Xacobeo. 
Persoas paseando pola praza da Galiza de Compostela (Riobó Prada)
photo_camera Persoas paseando pola praza da Galiza de Compostela (Foto: Riobó Prada)

O remate deste pasado ano marcado pola pandemia da Covid-19 deixou na Galiza 189.587 persoas desempregadas no mes de decembro, 2.115 con respecto ao mes de novembro (+1,13%), algo que non ocorría desde 2011, xa que se trata dun mes tradicionalmente positivo para a creación emprego. Estes datos, facilitados polo Ministerio de Traballo, indican ademais que, en termos interanuais, o desemprego incrementouse en 24.279 persoas (+14.69%). Son cifras que nos achegan á crise de 2008. 

Por sectores, o que máis acusou a perda de traballo en 2020 foi o dos servizos, con 18.302 persoas no desemprego máis que en 2019, até fechar o ano cun total de 131.281. Polo seu lado, tamén aumentou na industria galega con 1.880 persoas en 2020 (para un total de 20.459). Na construción hai 14.618 desempregadas, é dicir, 533 máis que en 2019, e na agricultura os datos confirman 7.385 persoas desempregadas, cun aumento de até 1.093 persoas.

En relación aos datos de emprego por idades e sexo as cifras sinalan que hai 9.237 menores de 25 anos desempregadas e desempregados, cun aumento de 20,71% anual, seis puntos máis que no conxunto de idades. Por sexos, o incremento do desemprego no ano afectou máis aos homes (+14,91%) que ás mulleres (+14,52%). Aínda así hai que ter en conta que en termos estruturais as mulleres seguen a representar 56,6% do total de desemprego na Galiza, cun total de 107.238 mulleres, fronte a 82.349 homes sen traballo.

Baixada da contratación e ERTE na Galiza

A contratación na Galiza rexistrou 749.217 sinaturas o pasado 2020, un dato que apunta unha forte caída de 337.015 contratos (-31%) respecto aos 1.086.232 de 2019. Do total, só 9% deles foron indefinidos (68.804), fronte a 91% de temporais (680.413). Desta maneira, constátase un descenso de 21.651 contratos indefinidos (-23,9%). Polo seu lado, a baixada de contratos temporais é de 315.364 (-31,7%).

Por último, ao carón das prestacións, con datos de novembro -sempre van cun mes de atraso fronte aos do desemprego-, as persoas beneficiarias na Galiza ascenderon a 91.735. Por outra banda, a afiliación á Seguridade Social (media mensual) sitúase no mes en 1.002.161. Así, rexístrase unha perda no mes e no ano do -0,76% e -1,77%, respectivamente. 

Finalmente, en relación aos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), na Galiza hai no mes de decembro de 2020 (media mensual) 35.075 traballadoras e traballadores en ERTE, deles, 22.374 acóllense ao Decreto Lei 30/2020. Do resto, 3.428 non son de forza maior e outros 9.274 si serían. 

A CIG alerta da falta dun plan de recuperación

Desde a CIG, o seu secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, cualifica de  "alarmante" a situación e argumenta que aínda é máis grave cando "desde a Xunta da Galiza non se está deseñando ningún plan de recuperación económica e segue enfiándose o futuro do noso país aos xa frustrados fastos do Xacobeo".

A central nacionalista lembra que "non se pode facer depender o noso futuro económico dun evento puntual, que só favorece o sector servizos, onde a temporalidade e os baixos salarios están á orde do día, mentres se esquecen o resto dos sectores produtivos". Ademais denuncia o "abandono do sector industrial” con iniciativas como a Lei de fomento de iniciativas empresariais, que impón un modelo industrial colonial no noso país". 

UXT aposta por manter os ERTE este 2021

Desde UXT, José Luís Fernández Celis, secretario de organización, cre que "os datos son contundentes, perdemos emprego e o obxectivo para 2021 debe ser manter os ERTE e derrogar as reformas laborais, ademais de controlar a pandemia". Insiste en que "o emprego vai ligado á evolución do que aconteza coa vacina e o control da Covid-19". 

Por este motivo, o sindicalista de UXT asegura que "é preciso que aumente o salario mínimo interprofesional (SMI)" para non continuar cunha "situación inxusta para as traballadoras e os traballadores que menos gañan".

Autónomas e autónomos piden axudas directas

Desde a Federación Estatal de Traballadoras e Traballadores Autónomos (ATA) apuntan que os datos que se deron a coñecer onte confirman que 2020 foi un ano "horríbel" en destrución de emprego, cun tecido empresarial moi "asfixiado". O seu presidente, Lorenzo Amor, sinala a través dun comunicado que os mecanismos de protección están a funcionar, pero avogou por "prorrogalos, melloralos e pór en marcha máis", con axudas directas aos sectores máis afectados.

Neste sentido, indica que o Goberno español “debe facilitar o acceso á prestación por cesamento de actividade ás e aos autónomos que non a solicitaron en marzo, porque non a necesitaban, pero que agora si a precisan e non lles está permitido".

Comentarios