O BNG estrea o podcast 'Radio Frontón' cun primeiro episodio sobre gordofobia

O obxectivo do podcast, sinalou o BNG nunha nota de prensa, é "contribuír ao debate sobre cuestións de actualidade".
radio frontón
photo_camera Logotipo de Radio Frontón

O BNG estreou este domingo unha nova canle de comunicación: 'Radio Frontón', un podcast que difundirá a formación a través das súas redes sociais e que arrincará cun primeiro episodio sobre gordofobia.

O obxectivo do podcast, sinalou o BNG nunha nota de prensa, é "contribuír ao debate sobre cuestións de actualidade ou temas que preocupan á cidadanía e que non sempre son capaces de abrirse espazo na esfera pública".

O primeiro debate, de trinta minutos, aborda a cuestión da gordofobia tomando como punto de partida unha reflexión da eurodeputada Ana Miranda no seu muro de Facebook na que se amosaba "farta da gordofobia nas redes". Así, este primeiro podcast repasa este asunto con persoas expertas na materia procedentes de áreas de psicoloxía e da sanidade pública, entre elas, a deputada e médica Iria Carreira.

A necesidade de debater

Carreira explica que a obesidade está cualificada como unha patoloxía "desde hai moito tempo" e é unha enfermidade que "factor de risco para padecer outras". En todo caso, a sanitaria relata que "non pode ser amparo para actividades discriminatorias e que poden xerar outro tipo de problemas de saúde nas persoas que a sofren".

Pola súa parte, a eurodeputada do BNG no Parlamento Europeo detalla no podcast o porqué do seu comentario na rede social. "Como moitas outras persoas teño tendencia a engordar e levaba varios días mosqueada porque cada vez que abría o teléfono aparecíanme anuncios de cremas adelgazantes e redutoras, ximnasios milagrosos e non sei cantas cousas máis", explicou.

Por iso, Miranda destacou que considera importante debater sobre este asunto porque "a sociedade conduce a adelgazar por estética, outra cuestión é que haxa que controlar o peso por saúde".

Comentarios