Opinión

O vestido verde

Dende nenas practicamente todas as mulleres sufrimos un tipo de violencia que rara vez é cuestionada. Cada unha no seu espazo, na súa medida e dun xeito distinto somos atacadas por un monstro negro que teme que calquera de nós teña a suficiente confianza en si mesma como para non depender de ninguén. 

Dende o noso mesmo nacemento comezan a poñernos trampas. Poden parecer inofensivas ao principio e disfrázanse de, por exemplo, o consabido “é moi bonita de cara”, ignorando sutilmente o resto do corpo. Logo as frases van medrando como malas herbas e cravándose no peito como facas ata que van da man con nós, durante moitos anos, na forma dos TCA (trastornos da conduta alimentaria). 

A min, dende nena, fixéronme crer que eu era o problema, que eu tiña un problema e con cada frase, cada mirada inquisidora, cada comentario que escoitei detrás dunha porta sentíame pequeniña por ser máis voluminosa que a media… pero, que media?, quen pon esa media?

Non se trata nin moito menos de idealizar a obesidade, trátase tan só de reivindicar a liberdade dos modelos estéticos e corporais diferentes, lonxe desa temida media que marca o machismo, trátase de reflexionar como estar por riba da temida media afecta ás nosas vidas. 

Ser gorda é pensar en que tes que ir a unha voda cun vestido escuro, se pode ser que quede folgado, é tamén pensar que non hai que marcar curva porque case é pecado: é pecado ter peitos, cadeiras, brazo, barriga. É un sacrilexio ser, en resumo, muller. 

Ser gorda é tamén superarse, buscar o xeito de ter esa relación saudable coa comida que dende nena che arrebataron, é mergullarse nun bo grupo de apoio é darte conta de que ninguén é gordo, soamente está gordo e a graxa, moitas veces, é emocional. 

Ser gorda, miñas queridas, é ir a unha voda co vestido máis axustado que atopedes, e sentir orgullo polo voso corpo e entender, que aínda que poida romper unha cremalleira ou botón a vida é beleza pura, que todo segue, que ninguén, nunca, baixo ningún concepto ou situación, ten dereito a facer que vos tapedes. Ser gorda tamén é dor, dor de saber que molestas á vista da xente que máis queres. 

Non hai problema en ser gorda, o problema está en quen usan as medidas corporais para desacreditar(se) e como arma violenta. Algúns fano con maldade, outros por sistema, porque nin pensaron nunca ler sobre gordofobias ou diversidades corporais, porque como di Naomi Wolf na súa obra O Mito da Beleza, ás mulleres, dende nenas, o que nos sucede é que a ameaza da perda do afecto pode aplacarnos máis que un puño en alto. 

A gordofobia ciméntase en prexuízos en relación aos hábitos e costumes das persoas gordas e refírome a persoas gordas porque o simple feito de falar de sobrepeso paréceme xa violento de por si ao dar a entender que todas temos que estar nun estándar e a que suba dese estándar non é válida. 

A min, desde nena, fixéronme crer que eu era o problema, que eu tiña un problema 

Estes prexuízos presupoñen que as persoas gordas están lonxe de ser talentosas, que son preguiceiras, vagas e non teñen en conta que a propia violencia que crea a gordofobia é o que máis afecta e vulnera a nosa saúde. En resumidas contas: canto máis violentos/as sexades cunha nena gorda máis acudirá en solitario, de noite e ás agachadas ao frigorífico. 

O machismo deposita unha brutal esixencia estética nas mulleres, centrada nas medidas corporais, centrada en que nos manteñamos novas, guapas e delgadas permanentemente. Esta violencia de orde psicolóxica impacta na nosa subxectividade porque a sociedade establece a beleza como un elemento da identidade e valoración feminina. 

A gordofobia funciona de xeito sistemático e estrutural, é dicir, podemos atopala en todas partes, mesmo nos lugares máis íntimos e que máis nos doen como a familia. A gordofobia rara vez é cuestionada e quen a cuestiona, sobre todo no seo familiar, corre o risco de gañar máis etiquetas, todas elas, por outra parte ben honrosas se para gañalas fixestes un exercicio de amor propio e de autodefensa. 

As mulleres gordas sufrimos bullyng escolar, en ocasións acoso nas rúas, gordofobia médica, exclusión laboral e infrarrepresentación na cultura. Poderíamos falar de moitas cousas máis pero eu quedo con unha: bravo, rapaza do vestido verde, vístete como che pete e lembra que o problema non o tes ti, senón que pasa a vida cuestionándote polo que mides e pesas.

Comentarios