BNG esixe ao Goberno do Estado protección para enseada de San Simón

Néstor Rego reclama ao Estado actuar de maneira inmediata e desmantelar os recheos do antigo peirao da Pedra.

A ponte de Rande, en Vigo e parte do trazado da autoestrada AP-9, estivo en obras entre os anos 2015 e 2018 (Foto: Xan Gasalla).
photo_camera A ponte de Rande sobre a autoestrada AP-9 (Foto: Xan Gasalla).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o candidato da formación á alcaldíade Redondela, Xoán Carlos González, critican o apoio do Goberno do Estado á recuperación da actividade industrial no peirao da Pedra, en Rande, e exixen a rectificación a través da retirada do recheo.

Os nacionalistas rexistraron no Congreso diversas iniciativas para coñecer a posición do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) sobre a actividade industrial impulsada pola Autoridade Portuaria de Vigo no coñecido peirao da Pedra, en Rande.

O BNG non agocha a súa sorpresa polo apoio do MITECO a esta actividade alegando que a zona “foi restabelecida como espazo de operacións para pezas especiais” e a Autoridade Portuaria “prevé poder realizar movemento de aluminio nalgún momento”.

Goberno estatal

O deputado do BNG, Néstor Rego, considera que o Goberno estatal está actuando de costas aos intereses da veciñanza de Redondela.

Rego denuncia que “en lugar de actuar para protexer este espazo, estamos a asistir a un novo proceso de industrialización na costa do Estreito de Rande, o que leva aparellado un intenso movemento de tráfico pesado, tráfico marítimo, verteduras, ruídos e polvo en suspensión”.

O dirixente nacionalista cualifica a actuación como “unha nova agresión medioambiental nun espazo do medio mariño que debería ser protexido, reducindo a actividade portuaria industrial e potenciando actividades pesqueiras e marisqueiras artesanais e de proximidade”.

Recheos

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados considera que compre “retirar os recheos do antigo peirao da Pedra para recuperar as correntes mariñas naturais da Rede Natura 2000 da Enseada de San Simón, perdidas nos recheos realizados nos anos noventa”.

O portavoz da formación en Redondela e candidato do BNG á alcaldía, Xoán Carlos González Campo, entende que “a recuperación da actividade industrial en Rande pon en risco sectores como o do marisqueo e a pesca tradicional, con produtos destacados como o choco”.

González Campo sinala que “a estratexia da Autoridade Portuaria debe ser contestada con contundencia polo Goberno municipal. Instamos a Digna Rivas a que nestas xuntanzas mediáticas  coa subdelegada do Goberno faga valer a voz de Redondela que xa se ten expresado por medio de diversas mocións en contra desta estratexia”.

Comentarios