Audasa é condenada a devolver 50% de peaxes cobradas durante as obras de Rande

Autoestradas do Atlántico (Audasa) foi condenada a devolver 50% das peaxes a 21 persoas físicas e xurídicas durante o transcurso das obras na ponte de Rande, na ría de Vigo, entre 2015 e 2018. Esta quinta feira, a Fiscalía mantivo a petición de seis anos de cadea contra a ex tesoureira da empresa por apropiarse de 1,2 millóns de euros. Ademais, Audasa pasa a control dun fondo privado de pensións neerlandés.
A ponte de Rande, en Vigo e parte do trazado da autoestrada AP-9, estivo en obras entre os anos 2015 e 2018 (Foto: Xan Gasalla).
photo_camera A ponte de Rande, en Vigo e parte do trazado da autoestrada AP-9, estivo en obras entre os anos 2015 e 2018 (Foto: Xan Gasalla).

Audasa terá que devolver 50% do importe da tarifa que cobrou en concepto de peaxe a 21 persoas físicas e xurídicas durante as obras da ponte de Rande, entre 2015 e 2018. Así, recoñécese que as obras "impediron un correcto servizo ás persoas usuarias da autoestrada", segundo dispuxo o Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña. 

O xuíz considera probado que as obras efectuadas no tramo entre as ligazóns de Cangas e Teis (Vigo), incluída a reforma da ponte de Rande, fixeron que Audasa "non prestase o servizo en idénticas condicións ás que se presta cando non hai obras", segundo indica nun comunicado o despacho de avogados Xoán Antón Pérez-Lema, que está a cargo da defensa legal das persoas demandantes. A sentenza recolle que o informe pericial facilitado por Audasa recoñece que se adoptaron restricións na circulación normal e accións puntuais sobre o tráfico. 

Ademais, sinala que, en contra do criterio de Audasa, as demandantes non contaban con alternativa de circulación, xa que os itinerarios posíbeis implicaban tempos de desprazamento máis lentos que a vía de pago en obras. Aínda que a demanda presentada reclamaba a devolución íntegra das tarifas cobradas, a sentenza considera que o retorno da totalidade dos importes durante as obras "rompe o equilibrio das contraprestacións dos contratantes". 

Deste modo, a pesar de que Audasa tentou escudarse na súa incapacidade legal para reducir o importe da peaxe, a sentenza considera que contraveu os termos do servizo e acepta a rebaixa de 50% no importe a devolver por traxecto. 

Pola súa parte, a Fiscalía mantivo a petición de seis anos de prisión para a ex tesoureira de Audasa, acusada de apropiarse de 1,2 millóns de euros da facturación da empresa, durante os anos 2011 a 2018. O director de finanzas de Itínere Infraestruturas -grupo que controla Audasa-, declarou que, tras realizar unha investigación, verificaron "unha serie de transferencias das contas de Audasa e Autoestradas da Galiza con destino a unha conta que resultou ser da tesoureira". "Enviaba aos bancos ordes de transferencias ficticias moi parecidas ás normais e que se mesturaban coas auténticas e verdadeiras", puntualizou o director de finanzas.

Un fondo neerlandés faise co control da AP-9

Algemene Pensioen Groep (APG), o maior fondo privado de pensións nos Países Baixos, fíxose esta semana co control das autoestradas galegas da compañía Itínere. En concreto, APG adquiriu a AP-9, principal arteria do eixo atlántico; as autoestradas titularidade da Xunta A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona; e a AP-53 Santiago-Dozón. Ademais, tamén tomou o dominio doutras tres autoestradas no norte do Estado español.

Foi a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a que deu o visto bo á adquisición por parte do fondo privado de pensións neerlandés dun paquete de accións que até o de agora eran propiedade da xestora estadounidense Corsair Infraestructure Partners.

As autoestradas galegas fican en mans estranxeiras

A práctica totalidade das estradas de pago na Galiza están en mans de empresas estranxeiras, fundamentalmente de grandes fondos de investimento. A día de hoxe, xestionan practicamente 90% dos quilómetros de autoestradas e autovías en sombra, isto é, aquelas pagadas ás concesionarias a cargo das partidas dos orzamentos da Xunta da Galiza ou do Goberno do Estado.

Mentres as compañías de capital foráneo controlan máis de 433,7 quilómetros, que a súa vez son os máis rendíbeis, as sociedades de maioría galega, principalmente construtoras, só dispoñen de 63,43 quilómetros.

Audasa fechou 2021 cun beneficio de 50,7 millóns de euros, case 20% máis que antes da pandemia. Unhas ganancias que van camiño de aumentarse considerabelmente este ano, pois o último dato coñecido é que subiron 70% no primeiro trimestre de 2022 con respecto ao mesmo período do ano anterior.

comentarios