O BNG urxe a que o Goberno español rectifique sobre a eólica mariña na Galiza

Néstor Rego comprométese a traballar para que non se poña en marcha ningún parque eólico.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comparecendo ante os medios. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, comparecendo ante os medios. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, urxiu á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que rectifique a pretensión do Goberno de instalar na costa galega parques de eólica mariña xa que "afectarán gravemente os ecosistemas mariños, á capacidade produtiva e á frota pesqueira galega".

O parlamentario nacionalista comprométese a traballar para que non se poña en marcha ningún parque eólico e adianta a asistencia do BNG á primeira mobilización convocada o vindeiro sábado na Coruña contra a aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM).

"Se non rectifica, o Executivo estaría a antepor os intereses do oligopolio eléctrico aos intereses da frota pesqueira e ás posibilidades futuras da actividade económica", sinala o deputado, que considera que os POEM aprobados facilitan a implantación de parques de eólica mariña na costa galega.

De feito, sostén que na aprobación dos POEM que afectan a Galiza (un dos cinco aprobados polo Goberno para o conxunto do Estado) pódese ver como a costa galega concentraría practicamente a metade da potencia posíbel do Estado.

"O BNG vén defendendo desde hai tempo que non é aceptábel prever parques eólicos nas costa galega polas características da plataforma", remarca, para asegurar que, ao ser moi estreita, provoca que os proxectos se sitúen a tan só 20-25 quilómetros, mentres que noutros países europeos os parques de eólica mariña sitúanse a 60 quilómetros".

Por iso, censura que o Goberno español, "desatendendo todas as alegacións achegadas", estea a antepor os intereses das grandes empresas eléctricas e enerxéticas aos da frota pesqueira. "Prefire favorecer os intereses de empresas como Iberdrola aínda que saiba que iso prexudica a nosa frota pesqueira e as posibilidades futuras de mantemento dunha actividade que xa se ve constantemente ameazada por decisións políticas, especialmente no ámbito europeo", apunta.

Reserva da Biosfera

Por outra parte, a Reserva de Biosfera Mariñas e Terras do Mandeo demandou tanto ao Estado como á Xunta da Galiza que revisen as declaracións de impacto ambiental das peticións de autorización de parques eólicos que tramitan.

Nun comunicado, explica que a súa demanda baséase na zonificación ambiental para enerxías renovábeis que efectuou o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en cumprimento da Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética.

Segundo sinala, devandito documento do Ministerio recolle que nun territorio declarado Reserva de Biosfera tanto a zona núcleo como a zona tampón (tamén denominada zona de protección) defínense como zonas de exclusión para o desenvolvemento de enerxía eólica e fotovoltaica por ser incompatíbeis coas actividades de conservación.

Por iso, Reserva de Biosfera Mariñas resolve solicitar as declaracións de impacto ambiental efectuadas, ou en proceso de avaliación, e telas en conta para os efectos das autorizacións administrativas pertinentes nos parques eólicos localizados no territorio, con especial consideración dos que afecten as zonas tampón.

Así, detalla que neste caso atópanse solicitudes de eólicos en municipios como Oza-Cesuras, Sobrado, Curtis e Aranga.

Comentarios