Rego reclamará no Congreso recuperar a avaliación do impacto ambiental e a participación cidadá nos proxectos eólicos

O deputado nacionalista formularalle á ministra Teresa Ribera a seguinte pregunta: "Cre compatíbel co obxectivo de preservación ambiental e de apoio ao sector primario que as empresas poidan decidir onde instalar parques ou macroparques eólicos sen control, sen necesidade de Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e sen participación cidadá, como estabelece o RDL 20/2022 que o seu Ministerio impulsou?".
Néstor Rego intervindo desde o seu escano no Congreso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego intervindo desde o seu escano no Congreso. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, intervirá na próxima sesión de control ao Goberno español para reclamar á vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, a recuperación das garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos. Refírese o parlamentario á exoneración da declaración de impacto ambiental para os proxectos de renovábeis que non se asenten en espazos naturais protexidos.

A formación nacionalista exixe pór fin ao "boom eólico depredador" que, aseguran, ameaza a Galiza coa posíbel implantación de 300 parques e 'megaparques' eólicos que "afectarán o ambiente e o medio de vida de miles de persoas", mentres defende un modelo "equilibrado e xusto, minimizando o impacto ambiental e garantindo a reversión no territorio".

"Cre compatíbel co obxectivo de preservación ambiental e de apoio ao sector primario que as empresas poidan decidir onde instalar parques ou macroparques eólicos sen control, sen necesidade de Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e sen participación cidadá, como estabelece o RDL 20/2022 que o seu Ministerio impulsou?", será a pregunta que o deputado nacionalista formulará a Teresa Ribera na Cámara.

Desde o BNG interpretan a supresión destes requisitos ambientais durante a tramitación de novos parques ou megaparques eólicos como unha "barra libre" para as empresas enerxéticas que, apuntan, "están a lucrarse deste boom eólico depredador".

"Esta barra libre pon en perigo o noso medio ambiente e a actividade económica e, por tanto, o modo e medio de vida de miles de persoas, particularmente aquelas que se dedican ao sector primario", advertiu Rego. En opinión do deputado nacionalista, estamos ante unha "distopía do capitalismo": "En nome da transición ecolóxica e dun futuro verde destrúese o medio ambiente e o modo de vida de miles de persoas, especialmente no sector primario, é dicir, destrúese o futuro, e non o podemos permitir".

Ante isto, Néstor Rego defende que a eólica responda a "un procedemento de concurso público, sobre un previo plan das administracións públicas, con parques dimensionados ás necesidades" da Galiza. Con este modelo, sinala, débese "minimizar o impacto ambiental e garantir que reverta no propio territorio con aproveitamento social e económico".

O portavoz do Bloque no Congreso xa protagonizou esta semana titulares en prensa de todo o Estado cunhas declaracións en rolda de prensa que non deixaron ninguén indiferente: "Se Madrid quere enerxía, debería colocar os muíños na Castellana [en referencia ao paseo onde se asenta o eixo financeiro na capital do Estado]", dixo.

Comentarios