O Bloque apela á experiencia para o regreso do nacionalismo ao Congreso o 10-N

Ana Pontón contrapuxo a traxectoria do BNG no Congreso en Madrid ao “espectáculo e frivolidade” das forzas estatais. Pontón presentou en Vigo a candidatura que encabeza Carme da Silva, acompañada por Olaia Fernández e Guillerme Vázquez. Na Coruña, o cabeza de lista do BNG, Néstor Rego, participou nun almorzo con xornalistas no que lembrou as actuacións na área metropolitana que as nacionalistas pretenden impulsar en Madrid.

Presentación esta terza en Vigo das candidaturas do BNG por Pontevedra ás estatais. Carme Da Silva Ana Pontón
photo_camera Presentación esta terza en Vigo das candidaturas do BNG por Pontevedra ás estatais.

“Vimos o fracaso e a inutilidade das forzas estatais que demostraron que pasan olimpicamente dos problemas da cidadanía e da Galiza, demostraron que o único que as move son egos partidistas. Por iso, pedimos converter esa incompetencia e ese fracaso nunha oportunidade recuperando voz propia para Galiza a través do BNG”, dixo Ana Pontón, a portavoz nacional, que participou na presentación da candidatura do Bloque en Vigo pola circunscrición de Pontevedra.

O 10-N é a oportunidade “de poñer Galiza no mapa coa forza que ten detrás de si unha traxectoria de traballo que demostra que cando estaba no Congreso os galegos e as galegas tiñan unha voz que defendía os seus intereses”, indicou a líder nacionalista diante de Carme da Silva, cabeza de lista por Pontevedra, e acompañada polas ex deputadas Olaia Fernández Davila e Guillerme Vázquez (número 7 da candidatura).

"Galiza non pode seguir muda porque esa falta de voz fai que perda oportunidades, é fundamental contar cunha forza libre e sen ataduras que condicione a política do Estado a favor de Galiza e esa forza é o BNG”, concluíu Pontón.

A candidatura do BNG en Pontevedra está encabezada por Carme da Silva, con Xesús Ignacio López Carreira como número 2, e Susana Camba Castro, no número tres. Para o Senado figura como número un André Vidal Capón.

Néstor Rego, na Coruña: “Galiza en primeiro lugar”

Néstor Rego na Coruña. 15.10.2019Mentres, na Coruña, Néstor Rego continuou esta mañá unha pre-campaña que xa realizou actos en Culleredo, Compostela e Arteixo nos últimos días. Acompañado por Francisco Jorquera e Avia Veira, concelleiras nacionalistas na cidade, Rego volveu falar “das evidencias” a respecto do traballo das representantes galegas no Congreso. “Estiveron máis preocupadas polo que lles mandaban as súas direccións madrileñas que por colocar sobre a mesa os graves problemas sociais e económicos que afectan a Galiza”, dixo o número un do BNG na lista coruñesa ao Congreso. Rego referiuse ás necesidades da Coruña e sinalou á rexeneración da ría do Burgo, ás infraestruturas ferroviarias e á cesión dos terreos do porto interior á cidade como principais demandas do BNG na próxima lexislatura.

“O BNG sempre que estivo no Congreso caracterizouse por colocar en primeiro lugar os intereses de Galiza”, remarcou Rego, que tamén indicou algunhas cuestións da axenda que as nacionalistas pretenden desenvolver en Madrid: “a defensa do dereito a decidir e dos dereitos e liberdades civís”.

Menos candidaturas que en abril

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou as listas definitivas das 46 candidaturas que competirán nos comicios do 10-N na Galiza, informa Europa Press. Serán menos das que concorreron o 28-A. Non se presentan En Marea nin Compromiso por Galicia -esta, despois do seu acordo co BNG. Tampouco comparece Vivir Ourense, mentres que irrompe na Coruña e en Pontevedra o partido de Íñigo Errejón, Máis País. En total, nove opcións políticas presentan candidatura en todas as circunscricións galegas. Son as seguintes: PP, PSOE, BNG, Galicia En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos, Vox, PACMA, Por mundo + xusto e o Partido Comunista dos Traballadores de Galiza (PCTG).
 

Comentarios