O BNG denuncia que a Xunta do PP recortou 25 millóns anuais en políticas de igualdade

Baixo o lema Todas somos elas e a premisa de que todos os días do ano deberan ser 25-N, presentou a campaña contra a violencia machista.



​Un pequeno xesto que pasa por pintar unha faixa de cor debaixo dun ollo quere servir para visibilizar a violencia machista de cara ao 25 de Novembro, cando se conmemora o Día Internacional de loita contra os malos tratos ás mulleres polo feito de seren mulleres. O mesmo xesto quere servir tamén para deixar claro que Todas somos elas.

É ese o lema da campaña que o BNG presentou este sábado en rolda de imprensa, malia que xa está en marcha porque, en palabras de Carme Adán, "25-N teñen que ser todos os días do ano". Mulleres da formación frontista, canda a actriz Isabel Risco, dan a cara nun vídeo para o que pregan difusión co obxectivo de que na segunda feira as mulleres saian á rúa coa faciana pintada para visibilizar, de maneira simbólica, a violencia machista.

Esta lacra "ten moitas caras", dixo a reponsábel de Acción Municipal, Goretti Sanmartín, quen recalcou que son de todas as idades, de todas as profesións, de todas as orixes e de clase alta ou de clase obreira as mulleres que poden sufrir malos tratos. Á acción social con mobilizacións, actos e debates nas comarcas, unirase tamén a acción institucional.

Recorte de 25 millóns ao ano en políticas de prevención

Pola súa banda, Adán denunciou que a Xunta do PP recortou 25 millóns ao ano en política de igualdade, decisión que implica unha tesourada nas medidas de prevención "que non se xustifica con ningunha crise".

Recordou que o número de denuncias caeu na Galiza nun 15% e apuxo tal situación á dependencia económica que moitas mulleres teñen respeito dos seus agresores.

Para rachar con esta inercia, a formación frontista reclama que o chamado 'salario da liberdade' se amplíe de 12 a 18 meses, con posibilidade de que quen se atope en situación de violencia machista o cobre durante dous anos "en función das súas circunstancias persoais e das posibibilidades de acceso a un emprego", recalcou a nacionalista. A posta en marcha desta medida suporía un desembolso de entre 800.000 e 1.000.000 de euros "que nos orzamentos globais da Xunta non son cartos", enfatizou.

Atención psicolóxica no Sergas e xulgados especializados

Aliás, o BNG demanda que a atención psicolóxica a mulleres maltratadas faga parte da atención primaria que presta a consellaría de Sanidade a través do Sergas, tal e como dispón a Lei galega contra a violencia machista; así como que en todas as cidades do País exista un xulgado especializado nesta materia. Polo de agora, na Galiza só hai dous. "Exiximos visibilidade, non só a colocación dun lazo violeta, que tamén é importante", remarcou a deputada Adán.

Informou, por derradeiro, de que a moción presentada no Parlamento galego na comisión de igualdade, onde se analizan os vieiros para dar desenvolvemento á Lei galega, volverá ser presentada porque a primeira vez só se aprobou de maneira parcial. No que respecta aos municipios, os plenos dalgúns Concellos encetaron xa o debate das iniciativas da formación frontista.

Comentarios