O BNG dá un ultimato a Abel Caballero: se o alcalde non entrega a documentación sobre Vitrasa en 24 horas acudirán á Xustiza

A forza nacionalista denuncia o bloqueo do alcalde do acceso ao expediente sobre o reequilibrio económico de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano.
O portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, esta quinta feira (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera O portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, esta quinta feira (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

O BNG de Vigo deu un ultimato de 24 horas ao alcalde, Abel Caballero, para permitir o acceso ao expediente sobre o reequilibrio económico de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano, ou promoverá accións xudiciais.

Así o sinalou o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, nunha rolda de prensa levada a cabo esta quinta feira, onde dixo que se trata dunha situación "de gravidade extrema" e "sen precedentes", ao considerarse Caballero o "monarca absoluto" da cidade e non deixar que a oposición realice o seu traballo.

Ante os medios de comunicación, Pérez Igrexas explicou que foi a mediados de novembro de 2023, antes do aceso das luces de Nadal da cidade, cando Caballero anunciou un reequilibrio económico para Vitrasa, o que, a priori, acabaría co conflito que vive a compañía co seu cadro de persoal desde hai máis de tres anos.

Con todo, desde ese día, nada se soubo do mesmo, a pesar de que o BNG solicitou acceso ao expediente en reiteradas ocasións, recibindo contestacións do Concello fóra do prazo legal impedíndolles o acceso aos informes. Tamén a Valedora do Pobo pediu ao Goberno local esta documentación, sen que se lle fose enviada.

Os nacionalistas repasaron a multitude de normativas e leis que, desta maneira, incumpriu o Concello con estas "decisións arbitrarias e ilegais". Entre as escusas recibidas, se lles di que o expediente está aínda en tramitación, mais Pérez Igrexas subliñou que en moitos casos similares si lle deron acceso aos mesmos, xa que se realiza de forma telemática, sen interromper a súa tramitación.

Para el, Abel Caballero pasou "todas as liñas vermellas" no seu "absolutismo", vulnerando "dereitos fundamentais" dos concelleiros e das concelleiras, que son "representantes electas da cidadanía, a pesar de non formar parte do PSOE”. Por todo iso, o edil nacionalista deu 24 horas a Caballero para que lle permita acceder ao reequilibrio de Vitrasa e, se o alcalde o impide, o BNG promoverá accións xudiciais, que xa están a ser estudadas.

Respecto diso, advertiu ao rexedor de que o artigo 404 do Código penal é "ben claro" e estabelece que a autoridade ou funcionario público, que a propósito da súa inxustiza, ditase unha resolución arbitraria nun asunto administrativo, castigaráselle coa pena de inhabilitación especial por un tempo de entre 9 e 15 anos. "Caballero ten que rectificar. Ningunha maioría absoluta, por lexítima que sexa, pode supor o atropelo dos dereitos democráticos nin moito menos impedir o exercicio de dereitos fundamentais por parte doutras forzas políticas", sentenciou.

Feitos

En novembro do ano pasado, dous días antes do acto de aceso da iluminación do Nadal, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que o Goberno local tiña ultimado o reequilibrio económico a Vitrasa (polas perdas que tivo a empresa en pandemia), sen dar cifras, e pediu que se desconvocase a folga indefinida no servizo, que empezou o 25 de novembro, aínda que o paro mantívose e mantense a día de hoxe.

A principios de decembro, o concelleiro de Fomento, Javier Pardo, compareceu ante os medios para insistir en que o Goberno local estaba "a calcular" esa compensación a Vitrasa e de novo evitaba concretar unha cantidade (os sindicatos trasladaron que a concesionaria reclama máis de 30 millóns de euros), alegando que todos os pasos estaban a darse "cumprindo a legalidade" e suxeitos ao control de organismos públicos, en alusión á Oficina Nacional de Avaliación, dependente do Ministerio español de Facenda.

Con todo, case 3 meses despois, a Oficina Nacional de Avaliación confirmou que non ten obrigación de realizar ese informe. Algo que o Goberno local sabía desde, polo menos, dúas semanas antes, segundo denunciou o BNG. Mentres, os grupos municipais da oposición estiveron denunciado que o Executivo de Abel Caballero lles vetou o acceso ao expediente do reequilibrio económico da concesión de bus, alegando que este expediente está incompleto e a tramitación non se finalizou.

Comentarios