Vitrasa e comité terminan unha nova reunión sen acordo e cítanse para a vindeira semana

O persoal de Vitrasa leva anos protestando pola situación laboral que viven, debido a que o convenio colectivo caducou hai xa tres anos.
Un autobus urbano de Vigo na praza de América. (Foto: Vitrasa)
photo_camera Un autobus urbano de Vigo na praza de América. (Foto: Vitrasa)

A concesionaria municipal do transporte urbano do Concello de Vigo, Vitrasa, e o comité de empresa terminaron un novo encontro de mediación sen acordo, polo que se emprazaron a seguir negociando a vindeira terza feira, día 27 de febreiro.

Segundo informou o presidente do comité, Imanol Arnoso, a reunión terminou sen alcanzar ningún pacto. Criticou que "Vitrasa non presentou nada novo". Por iso, a mediadora emprazounos a un novo encontro a próxima terza feira, a partir das 14.30 horas, na sede de Inspección de Traballo.

Todo iso despois de varios encontros de mediación levados a cabo nas últimas semanas entre ambas as partes sen que servisen, por agora, para achegar posturas. O obxectivo é pór fin a unha folga indefinida que comezou a finais de novembro.

Mediador

A finais de xaneiro Vitrasa aceptou de novo esta figura dun mediador que axude a solucionar a situación. Unha vez máis, como xa ocorreu a finais do ano pasado, é unha inspectora de traballo a encargada de intermediar entre empresa e empregados.

Os traballadores de Vitrasa levan anos protestando pola situación laboral que viven, debido a que o convenio colectivo caducou hai xa tres anos, manténdoselles o soldo conxelado desde esa data, pese ao incremento do prezo da vida tras a pandemia e da propia subida dos billetes de bus.

Comentarios