VÍDEO

O persoal de Vitrasa volve protestar no pleno de Vigo e Caballero suspende a sesión

"Gustaríanos obter algunha resposta, que alguén nos recibise, que alguén nos escoitase. Pero se o que debería facelo marcha en canto empezamos a falar, dá igual o que fagamos. Non queremos armar barullo, pero si que nos escoiten", dixo unha traballadora.
Abel Caballero marchando do pleno após suspendelo polas protestas do persoal de Vitrasa. (Foto: Concello de Vigo)
photo_camera Abel Caballero marchando do pleno após suspendelo polas protestas do persoal de Vitrasa. (Foto: Concello de Vigo)

Unha nova protesta de traballadores de Vitrasa, a concesionaria municipal do transporte urbano en Vigo, levou o alcalde, Abel Caballero, a suspender novamente o pleno desta segunda feira durante uns dez minutos. Como vén sendo habitual, empregados de Vitrasa asistiron como público ao salón de plenos e, nun momento dado, cando o rexedor tomou a palabra, levantáronse e comezaron coa súa reivindicación.

Con todo, nesta ocasión, Caballero suspendeu o pleno ipso facto, sen chamarlles a atención nin pedirlles que estivesen en silencio, como adoita ser habitual, abandonando o rexedor a sala. A pesar de todo, os traballadores da concesionaria continuaron durante uns minutos coas súas proclamas, lamentando a "covardía" de Caballero por "non dignarse a escoitar".

 

"Vitrasa é un servizo público. Debería ser de calidade, pero non é de calidade", subliñaron, mentres criticaban que algúns concelleiros abandonasen tamén o pleno. "A responsabilidade é do Concello de Vigo", engadiron, indicando que non lles gusta "vir suspender o pleno" e solicitando que "alguén os reciba e escoite", apuntando directamente a Abel Caballero, por ser o "responsábel primeiro do servizo do transporte público".

Tamén falaron do suposto reequilibro económico que prepara o Concello para Vitrasa, "sospeitando" do mesmo xa que o Goberno local nunca ensinou ningún documento ao respecto, a pesar das reiteradas peticións da oposición e mesmo da Valedora do Pobo. "Se ninguén ten nada que ocultar, por que non se vai ensinar?", destacaron.

"Gustaríanos obter algunha resposta, que alguén nos recibise, que alguén nos escoitase. Pero se o que debería facelo marcha en canto empezamos a falar, dá igual o que fagamos. Non queremos armar barullo, pero si que nos escoiten", engadiron.

Comentarios