O BNG chama a manifestarse o 25 de xullo en Compostela

O Festival suspéndese por “responsabilidade”.
Acto do BNG no Día da Patria Galega de 2018. (Foto: Nós Diario) #díadapatriagalega #patriagalega #galiza #25dexullo
photo_camera Acto do BNG no Día da Patria Galega de 2018. (Foto: Nós Diario)

As mobilizacións do Día da Patria Galega volverán tomar as rúas de Santiago de Compostela o vindeiro 25 de xullo. Após o parón imposto o pasado ano pola pandemia, que obrigou o BNG a optar por unha convocatoria descentralizada, con actos nas setes cidades galegas, os nacionalistas retomarán a súa tradicional manifestación na capital da Galiza.

Segundo as fontes da dirección da organización consultadas por Nós Diario, “o Día da Patria Galega deste ano ten unha significación moi particular no político e no persoal, xa que vai ser un momento de reencontro para a militancia e a base social nacionalista, tras un tempo moi duro marcado pola pandemia e o confinamento”.

A manifestación do BNG polo 25 de xullo responderá ao seu formato habitual. A marcha sairá ás 12 horas da maña da Alameda de Santiago de Compostela e despois de percorrer diversas rúas da cidade rematará na praza da Quintana, coas intervencións políticas do secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, e da portavoz nacional da formación, Ana Pontón.

Neste sentido, desde a organización nacionalista sinalaron a Nós Diario que extremarán as medidas para “garantir o correcto desenvolvemento da xornada e as condicións de seguridade sanitaria, mantendo os mecanismos de separación social e atendendo as recomendacións que para estes casos teñen marcado as autoridades”.

Suspéndese o Festigal

As medidas de prevención sanitaria levaron o BNG a pospor este ano a celebración do Festigal. A este respecto, desde a comisión organizadora da actividade argumentaron a suspensión da programación da edición de 2021 “por motivos de responsabilidade ante a pandemia da Covid-19, pois as medidas de prevención sanitaria non permiten ser fieis ao espírito co que foi ideado este evento para dispor dunha experiencia segura, diversa e libre”, pensado como “un lugar de encontro entre milleiros de persoas que gustan de compartir experiencias”.

A edición do Día da Patria Galega de 2021 marcará o arranque dun novo curso político con importantes retos para o BNG. No plano orgánico, os nacionalistas enfrontarán a realización dunha asemblea nacional, máximo órgano de decisión da formación, para o mes de novembro, onde ademais de renovar a dirección, analizarán a conxuntura política e marcarán as liñas de actuación para os vindeiros anos. Pola súa banda, no plano social, o BNG deberá arrancar a preparación dos comicios locais, previstos para maio de 2023, momento chave para testar a capacidade de introdución e de incidencia social da súa alternativa política.

A convocatoria do BNG non é a única prevista para o 25 de xullo. A falta de que outras formacións fagan públicos os actos previstos para o Día da Patria Galega, diversas organizacións xuvenís e estudantís nacionalistas, como Briga, Erguer, Galiza Nova ou Mocidade pola Independencia, anunciaron a convocatoria dunha marcha para o 24 de xullo baixo o lema de “A república galega é o futuro”. A manifestación, que saíra ás 20 horas da Alameda de Compostela, responde, segundo os promotores, á vontade de “sumar forzas para reclamar, con máis fervor que nunca, a necesidade de construírmos un futuro digno na nosa terra, que pasa irremediabelmente pola construción dunha república galega”.

Un 25 unitario

Tamén hai convocada, baixo o lema 'Galiza pola liberdade. Contra o fascismo e a ditadura do capital', unha manifestación unitaria para esa data. Sairá ás 12:30 horas da Alameda e está convocada por Agora Galiza e diferentes organizacións, como o PCPE, Galiza Antifascista ou o Partido Comunista de España (m-l), para alén de organizacións locais de Cedeira, Redondela ou Vigo. 

Comentarios