"A república galega é o futuro": mobilización xuvenil unitaria o 24 de xullo

Véspera do Día da Patria
manixuvenil unitaria
photo_camera Representantes dos colectivos convocantes, na presentación da mobilización

Organización xuvenís e estudantís soberanistas convocaron esta quinta feira a manifestación unitaria con motivo do Día da Patria Galega baixo o lema "A república galega é o futuro".

Esta mobilización unitaria da mocidade, que decorre cada 24 de xullo desde 2013, partirá ás 20 horas da Alameda de Santiago para denunciar a precariedade laboral, a emigración xuvenil, a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna e o desmantelamento do ensino público.

Fronte a isto, destacan a necesidade de "sumar forzas para construír un futuro digno" na Galiza, o que, segundo consideran, pasa pola construción dunha República galega fronte "a un Estado Español antidemocrático e o capitalismo".

"Un estado español antidemocrático, marcado pola promesa dunha falsa transición, que continúa a manter no poder económico e social a quen hai máis de 80 anos deixaron as nosas familias nas cunetas. Un estado en que unha institución reaccionaria como a monarquía, aínda rodeada de escándalos de corrupción, continúa manténdose na xefatura do estado", denuncian no manifesto.

A mobilización está convocada por Briga, Erguer, Galiza Nova, Isca! e Mocidade pola Independencia.

 As convocantes fixeron un chamamento á mocidade galega a sumarse a esta mobilización, así como a todas aquelas entidades que queiran sumarse á mesma.

Comentarios