O BNG, certo da súa remontada

O BNG vese en forma. E mostra optimismo ante o exixente calendario electoral que ten por diante. A organización nacionalista presenta como credenciais a súa unidade interna —en contraste coas tensións que vive o espazo mareante e até o PSdeG-PSOE— e o feito de que volve ser referente para aquelas que antepoñen a presenza directa de Galiza nas institucións parlamentares —Congreso e Bruxelas— por enriba de calquera outra consideración. No plano organizativo o Bloque prepara con mimo un Encontro Nacional Aberto para o domingo 31 de marzo.

46309593661_b9cd55ca4a_z
photo_camera Un momento da presentación da candidatura do BNG en Ourense para as municipais [Foto: Fllickr do Bloque].

A militancia do BNG recibiu estes días un convite para asistir ao Encontro Nacional Aberto que terá lugar o domingo 31 ás 12 horas no Auditorio de Galiza, unha cita á que o Bloque chama "para sumar forzas, para compartir a ilusión e a vontade de avanzar, para dar inicio a dous meses intensos con dúas eleccións en que Galiza se xoga moito".

No Encontro Nacional Aberto, avanza o BNG, haberá "intervencións, música e ideas en marcha". 

A idea forza é a de acrecentar forzas arredor do BNG como referente nacional: "Mans que suman porque é o momento de apostar por unha Galiza diferente e mellor. O tempo novo do BNG ten que ser tamén un tempo novo para o noso país. E imos poñelo en marcha, contigo", di o comunicado que a formación frentista fixo chegar á súa militancia.

Ese concepto, o de alargar o BNG como a casa común do nacionalismo, apareceu tamén na conferencia de prensa que esta segunda feira ofereceu Ana Pontón no Parlamento galego. Interpelada pola decisión de Anova de non ir ás xerais con Podemos e Esquerda Unida, a líder soberanista tirou de argumentario e afirmou: "O BNG sempre ten as portas abertas para os que teñen o corazón e a cabeza neste país". Mais nun engadido deixou ver o destinatario desta volta da súa chiscadela: "Xa o teño dito, e nesta ocasión con máis forza".

A análise que se fai en Rodríguez de Viguri é que as desventuras de En Marea e de Anova mostran até que punto é ilusoria a hipótese dunha confluencia entre forzas políticas co centro de decisión na Galiza e organizacións de obediencia estatal. A crise da confluencia o que faría sería, por tanto, reafirmar a aposta do BNG na auto-organización como principio básico do nacionalismo galego.

Incorporacións ao BNG

O optimismo do Bloque non só o soportan as análises estratéxicas. Ten tamén a ver co incremento sostido da súa afiliación —máis de 70 altas no último mes, segundo puido saber Sermos— e coa incorporación, e nalgúns casos o retorno, de persoas referenciais para o espazo soberanista. Nese sentido non é menor a volta de Iago Tabarés á primeira liña —representa un segmento ideolóxico que nos últimos anos se afastara do Bloque e que cristalizara na formación de Compromiso por Galiza— ou a aterraxe de xente da cultura sen militancia previa na organización frentista como o escritor Suso de Toro, o actor Miguel Pernas —ex afiliado de En Marea e agora candidato do Bloque nas xerais— e a cantante de De Vacas Faia Díaz.

"O BNG volve aglutinar xente de diversa procedencia, o que é mostra de vitalidade. Xente que marchou, xente que nunca militou connosco", din a Sermos fontes da formación soberanista. "Como enfatizou esoutro día Ana Pontón, volvemos ser un espazo ilusionante", engaden.

Tan diversa é a procedencia dos apoios que se van sumando ao BNG que neles tamén figura Breogán Rioboo, o ex secretario xeral de Podemos Galicia, quen na súa conta twitter fixo público o seu respaldo ás listas da organizacón frentista.

 

O contraste non pode ser maior coa situación que atravesan outros referentes do espazo soberanista, co caso de Anova como o máis notorio: a formación escindida do BNG en 2012, en terra de ninguén após rachar consecutivamente con En Marea e Unidas Podemos, está a sufrir un intenso proceso de desmembramento. Así, á marcha xa coñecida ao BNG de dous dos seus ex concelleiros de Cedeira —Camilo Casal e Robustiano Labraña— únese agora o abandono da organización por parte de quen foi a súa parlamentar por Pontevedra no Congreso na lexislatura que agora remata, Alexandra Fernández

Comentarios