O BNG exixe a apertura "inmediata" ao público da Casa Cornide e pregúntase "que intereses" defende a Xunta

A deputada Mercedes Queixas insta a axilizar a declaración do inmóbel como BIC e a facer inventario dos seus bens.
Imaxe dunha marcha cívica para exixir a devolución da Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Imaxe dunha marcha cívica para exixir a devolución da Cornide. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A deputada do BNG pola Coruña Mercedes Queixas exixiu esta sexta feira que a Casa Cornide sexa declarada, "de inmediato", ben de interese cultural (BIC) para garantir "a súa protección e devolución ao pobo, que é a quen pertence".

O inmóbel, lamentou, "segue a padecer o espolio dos Franco", polo que instou o Goberno galego a ser "coherente" coa resolución aprobada no Parlamento para urxir a Xunta a "axilizar a declaración de BIC", unha iniciativa a petición do Bloque que se aprobou por unanimidade. "Mais pasados 16 meses nada sabemos do sucedido", cuestionou.

Queixas puxo o foco tamén na "impunidade" da familia do ditador para anunciar a Casa Cornide nun portal inmobiliario, "sen que o Goberno do PP tome ningunha medida para impedilo nin se preocupe de protexer os bens inmóbeis da casa a pesar das reiteradas denuncias da veciñanza sobre a retirada dos mesmos".

A deputada denunciou que o recinto non foi aberto aínda para a cidadanía, "tal e como debería terse producido despois do 14 de maio de 2021, data de incoación do expediente". Por iso, preguntou se a Xunta "defende un ben público para a Galiza ou os intereses da familia Franco".

Na mesma liña, reclamou "datas concretas" para a declaración BIC da Casa Cornide e para iniciar o réxime de visitas recollido na lei, ante un PP "que tampouco foi quen de explicar que ocorrería se o ben espoliado obtivese un comprador".

Queixas concluíu que o PP ten a obriga de "romper coa corrupción histórica do franquismo que demanda a sociedade" e "contribuír a reparar a dignidade coa procura da verdade e da xustiza".

Marcha cívica pola recuperación

O sábado 5 de novembro a cidadanía está chamada a participar da III Marcha Cívica para exixir a devolución da Casa Cornide, un evento convocado polo colectivo Defensa do Común que decorrerá baixo o lema "Que devolvan todo o roubado. Despois do Pazo de Meirás, recuperación para o pobo da Casa Cornide".

Comentarios