A III Marcha Cívica para exixir a devolución da Casa Cornide decorrerá o vindeiro 5 de novembro

Defensa do Común e entidades sociais da Coruña tamén acordaron presentar unha proposta de moción no vindeiro pleno municipal.
Unha imaxe da marcha para pedir a devolución da Casa Cornide, na Coruña, en mans da familia Franco, en novembro de 2020. (Foto: M. Dylan/Europa Press)
photo_camera Unha imaxe da marcha para pedir a devolución da Casa Cornide, na Coruña, en mans da familia Franco, en novembro de 2020. (Foto: M. Dylan/Europa Press)

A asociación Defensa do Común acordou nunha asemblea aberta na que participaron 20 entidades da Coruña que a III Marcha Cívica para exixir a devolución da Casa Cornide ao patrimonio público da cidade decorrerá o vindeiro 5 de novembro entre a praza de María Pita e a Casa Cornide.

O obxectivo desta asemblea aberta era “debater” sobre a resposta social ante o anuncio da familia do ditador Francisco Franco de pór novamente á venda a Casa Cornide, “como se fose da súa propiedade”. Queremos facer chegar a esa familia que a súa actitude ten un rexeitamento social unánime.

Baixo o lema “Que devolvan todo o roubado. Despois do Pazo de Meirás, recuperación para o pobo da Casa Cornide”, esta concentración de carácter lúdico e reivindicativo na que participarán diversos sectores culturais servirá para “facer chegar a esa familia que a súa actitude ten un rexeitamento social unánime”.

Moción no Concello da Coruña

Os participantes na asemblea aberta acordaron tamén presentar unha proposta de moción a todos os grupos municipais para o Pleno municipal do 13 de outubro. Na asemblea acordouse ter unha entrevista con todos os grupos municipais para que, da mesma maneira que co Pazo de Meirás, a moción sexa aprobada por unanimidade.

Entre os acordos, a moción "insta o goberno municipal a que presente, antes de que acabe 2022, unha demanda xudicial para anular o título de propiedade da Casa Cornide para a súa incorporación ao patrimonio público municipal". Defensa do Común lembrou que no pleno de 12 de setembro de 2019 xa se aprobara, por unanimidade, unha moción para que o Concello presentase esa demanda.

A moción tamén insta a Xunta da Galiza para que, "antes de que acabe 2022, conclúa o expediente en trámite, coa declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (BIC)", despois de que o expediente fose incoado o 14 de maio de 2021.

Outro dos acordos recollidos na moción é solicitar ao Concello que apoie a marcha cívica do 5 de novembro e “facilite a infraestrutura necesaria”. Neste sentido, o colectivo pola defensa da Casa Cornide salientou que no pleno do 1 de outubro de 2020 xa se aprobara unha moción, presentada daquela por 24 entidades, en apoio da II Marcha Cívica celebrada o 7 de novembro de 2020.

Comentarios