A familia Franco pon novamente á venda a Casa Cornide, a pesar de contar coa protección BIC

O anuncio especifica que o edificio sería vendido sen amoblar, o que demostraría o espolio de bens denunciado polo BNG e diferentes colectivos.
Casa Cornide (Imaxe: Concello da Coruña).
photo_camera Casa Cornide. (Imaxe: Concello da Coruña)

A familia do ditador Francisco Franco, a través da inmobiliaria Philippot&Loyd Real State, vén de pór novamente á venda a Casa Cornide, na Coruña, a pesar de que esta conta xa coa protección patrimonial como Ben de Interese Cultural (BIC).

O inmóbel dispón desta condición de protección especial desde maio de 2021, cando a Xunta da Galiza aprobou a incoación do expediente para declarar a Casa Cornide Ben de Interese Cultural.

Porén, os herdeiros do militar golpista, propietarios deste ben patrimonial, volveron poñelo a venda, como xa fixeran en 2020. O anuncio é practicamente o mesmo que o publicado naquela data. No portal inmobiliario Fotocasa, Philippot&Loyd Real State destaca que se trata dunha "casa ou chalé" na Cidade Vella, con 11 habitacións, 13 baños e 1.430 metros cadrados, ademais de 287 metros cadrados de terreo.

"Exclusiva propiedade do ano 1900, reformada en 1964 e recentemente no 2018 (con estrutura metálica, de formigón e pedra)", sinala o anuncio de venda, que vai acompañado de varias imaxes da fachada do edificio.

Sen amoblar

Nas especificacións do anuncio, a maiores de sinalar que o inmóbel conta con aparcadoiro privado, consta que o comprador ou compradora adquirirá a Casa Cornide sen que esta estea amoblada.

Nos últimos dous anos, formacións políticas como o BNG e colectivos como Defensa do Común denunciaron que a familia Franco estaba a retirar os bens que se atopan no interior do edificio, de maneira semellante a como xa intentaron facer no Pazo de Meirás, no concello de Sada.

A organización nacionalista foi advertida por veciños que se atopaban na Cidade Vella da presenza dunha furgoneta diante do palacete e de que estaban a cargar o vehículo con bens que se atopan no interior da casa.

Pola súa parte, Defensa do Común presentou o 30 de decembro de 2020 un escrito á Subdelegación do Goberno español na Coruña, sinalando que, “con nocturnidade, apareceu na Casa Cornide unha nova furgoneta de aluguer con dous operarios”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios